Varela logra un millón de euros da Deputación para ampliar a piscina municipal

O primeiro lote do proxecto xa se está executando e o segundo, cun orzamento total de 3,1 millóns de euros, licitarase tan pronto se complete o financiamento
Piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DP
photo_camera Piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DP

O Concello de Vilagarcía obtivo un millón de euros do Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON 2030) para financiar o proxecto de ampliación da piscina municipal Celestino Brianes. A achega aprobouse o pasado mes de xuño mediante un procedemento de concorrencia competitiva, e o acordo oficializouse co convenio de colaboración asinado polo alcalde, Alberto Varela, e o presidente da Deputación, Luis López.

Como se sabe, a ampliación da piscina municipal de Fontecarmoa é un ambicioso proxecto presupostado en 3,7 millóns de euros que se realizará en dous lotes. O primeiro, cun orzamento de medio millón de euros que se financia con fondos europeos, está executándose e consiste na remodelación e reordenación dos vestiarios das actuais instalacións e no arranxo da galería da fachada sur.

O segundo, ao que se destinará a achega provincial, ten un custe total de 3,1 millóns de euros e abordará a construción do novo edificio que albergará o segundo vaso, o corredor que conectará a zona antiga coa nova, e o acondicionamento e urbanización da contorna das instalacións. Este lote licitarase tan pronto como o goberno local concrete o resto do financiamento necesario para executar a obra, ben concorrendo a subvencións doutras administracións, ben con fondos propios.

Ademais de resolver as carencias e problemas das actuais instalacións e de prever a súa ampliación coa construción dun segundo vaso de 25 metros de lonxitude, o ambicioso proxecto deseñado polo arquitecto madrileño Jesús San Vicente, dotará á infraestrutura das condicións e equipamentos precisos para homologala de cara á celebración de competicións oficiais, con marcadores e premedores electrónicos e con bancadas con capacidade para unas 300 persoas.

Comodidade, operatividade, confort, racionalización de espazos, optimización de recursos e eficiencia enerxética son os criterios seguidos para a elaboración dun proxecto para o que o arquitecto tivo en conta as achegas do Concello, da concesionaria da piscina e do club de Natación e Salvamento.