Varela e Avendaño abren unha liña de colaboración para xerar contidos culturais

O alcalde recibiu no Concello ao xornalista afincado na cidade e que vén de ser nomeado membro da Academia Norteamericana de la Lengua Española 
Varela e Avendaño intercambiaron agasallos durante o seu encontro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Varela e Avendaño intercambiaron agasallos durante o seu encontro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, recibiu na mañá deste venres na Casa Consistorial a Alberto Avendaño logo da súa recente inclusión como membro da Academia Norteamericana de la Lengua Española. Durante o encontro, o rexedor e o xornalista compartiron impresións sobre Vilagarcía, cidade na que o escritor reside dende hai uns anos, e comprometéronse a colaborar mutuamente para xerar e atraer actividade cultural ao municipio.

Varela xa tivo a oportunidade de felicitar a Avendaño o pasado mércores, tras coñecer o seu nomeamento como académico numerario da ANLE, pero quixo facelo tamén persoalmente convidándoo a visitar o Concello, cita á que o vigués acudiu acompañado da súa muller.

No encontro, o que foi director da edición en español de The Washington Post explicou que as razóns polas que elixiu Vilagarcía para establecer a súa residencia despois de anos vivindo en Estados Unidos foron a situación estratéxica da cidade, o seu atractivo e dinamismo e a cantidade de servizos dos que dispón. Valorou especialmente a comodidade para desprazarse a pé a calquera punto, dispor de estación de ferrocarril e situarse a carón do mar.

O alcalde interesouse por coñecer os proxectos nos que traballa actualmente Avendaño, tanto no eido xornalístico como literario e cultural, destacando a serie de entrevistas que está a realizar para este medio baixo o nome de Vida Salnés. O alcalde ofreceulle a colaboración do Concello para desenvolver iniciativas en Vilagarcía, proposta acollida con agrado polo académico.

Varela e Avendaño intercambiáronse agasallos. O alcalde entregou ao xornalista o libro A Farsa de Carril: Unha Danza de Espadas histórica, obra de Carlos Rey e Cristian Silva editada polo Concello e, en correspondencia, recibiu un exemplar de Bueno carallo bueno, con poemas do propio Avendaño e ilustrado coas pinturas de José Freixanes.