Varela felicita a Avendaño polo seu ingreso na Academia Norteamericana de la Lengua Española

O alcalde sinala que "o merecido nomeamento ao xornalista e escritor galego afincado en Vilagarcía é todo un orgullo para a veciñanza da cidade"
Alberto Avendaño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Avendaño para 'Vida Salnés'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, púxose en contacto na mañá deste mércores co xornalista Alberto Avendaño para trasladarlle persoalmente os seus parabéns e o de todos os vilagarciáns polo seu nomeamento como membro numerario da Academia Norteamericana de la Lengua Española. O rexedor, que mantivo unha conversa telefónica co que foi director da edición española de The Washington Post, sinalou que este merecido recoñecemento súmase á longa lista de premios e galardóns que Avendaño ten acadado a un e outro lado do Atlántico ao longo da súa prolífica e destacada traxectoria profesional como xornalista, escritor e tradutor, así como polo relevante labor de difusión das linguas e das literaturas españolas e galega.

Para Varela, o nomeamento ao autor afincando en Vilagarcía dende hai anos "é todo un orgullo para a veciñanza da nosa cidade", razón pola cal convidouno a visitar o Concello o venres para trasladarlle persoalmente os seus parabéns e interesarse polos novos proxectos nos que está a traballar.

Brillante traxectoria a ambos lados do Atlántico

Vigués de nacemento, Alberto Avendaño foi, xunto con Antón Reixa e Alfonso Pexegueiro, un dos fundadores do Colectivo de Comunicación Poética Rompente que estivo activo en Galicia dende 1975 a1982. No campo da litera tura conta no seu haber cun premio Barco de Vapor de narrativa infantil e xuvenil, e un Premio Internacional de Tradución por pasar ao galego unha novela de Edgar Alan Poe.

No apartado xornalístico, Avendaño ten colaborado con numerosos medios da prensa, da radio e da televisión galegas. Viviu en diversas capitais europeas, trasladándose a principios da década dos 90 a USA onde, ademais de licenciarse en Xornalismo pola Texas Tech University, desempeñou diversos traballos relacionados coa comunicación e a difusión da lingua, a literatura e a cultura española.

A finais do ano 2000 asume a dirección do semanario Tiempo Latino, publicación adquirida catro anos despois polo xornal The Washington Post, que nomea a Avendaño director xeral da edición en español deste medio. Correspondente na Casa Branca para a Asociación Nacional de Prensa Hispana, Avendaño recibiu seis Premios José Mar tí da National Association of Hispanic Publications e, entre 2016 e 2019, tres traballos de xornalismo televisivo producidos polo veciño de Vilagarcía recibiron o Premio Emmy da Academia da Televisión dos Estados Unidos.

Na actualidade, colabora neste medio coa sección Vida Salnés, na que a través das entrevistas persoais recolle as historias da xente de á pé de toda a comarca.