O 'Vaibike!' mellorará o sistema de fixación das estacións tralas queixas dos usuarios

Tralos 10 primeiros días de funcionamento, varios aboados afirmaron atopar dificultade á hora de desenganchar e volver a enganchar as bicicletas
Uno de los puntos del Vaibike! está junto a la estación de tren. DS
photo_camera Un dos puntos do Vaibike! xunto á estación de tren. DS

Tras dez días nos que o servizo do novo Vaibike! está activo en período de proba a empresa puido coñecer a opinión dos usuarios respeco ao funcionamento do sistema co fin de mellorar as súas prestacións. Grazas á posibilidade de interactuar a través da app, que permite a comunicación de incidencias, detectouse que moitos usuarios atopaban dificultade á hora de desenganchar e volver a enganchar as bicicletas nas estacións. Por esta razón, dende o martes e ata mañá venres, técnicos do Instituto Tecnolóxico de Castilla y Léon e persoal do Concello repasarán todas as estacións para perfeccionar os sistemas de ancoraxe.

As labores non impedirán continuar usando as bicicletas do Vaibike!, posto que o servizo de aluguer continúa funcionando con normalidade, excepto nas estacións nas que puntualmente se estea traballando, posto que se irán facendo as correccións de unha en unha.

Segundo explicaron os técnicos da empresa que instalou o sistema, o gancho das bicicletas rozaba co punto de ancoraxe das estacións tras a aplicación dun verniz para evitar a oxidación en climas marítimos, o que engrosou as pezas o suficiente para xerar o rozamento que facía necesario aplicar certa forza ou dar un tirón para desenganchar o vehículo, ou incluso para volver a ancoralo. Para evitar esta incomodidade estanse a substituír as pletinas dos sistemas de ancoraxe das estacións por outras con rañuras uns milímetros máis anchas que permitan realizar a operación con suavidade. Tamén con este fin estase a elevar 1 centímetro as plataformas das cinco estacións antigas, nas que resultaba máis difícil retirar as bicis.

Nas primeiras xornadas de funcionamento do Vaibike! xa contrataron o servizo aproveitándose da oferta Volvemos! 559 persoas. No que respecta ao total de usuarios inscritos (sumados os que teñen contrato cos que só se rexistraron), o numero elévase a 976, o que fai prever que o número de usuarios reais do servizo continuará subindo con novos contratos nos vindeiros días.

Como funciona o servizo

Os primeiros pasos que se deben dar para utilizar o servizo municipal de bicicletas de Vilagarcía son descargar no teléfono móbil a app Vaibike, darse de alta introducindo os datos do usuario e elixir a tarifa que se quere usar. Nestes momentos só está dispoñible a oferta Volvemos, que polo pago de 1 euro permite usar o servizo ata o 30 de xuño. A partir de entón entrarán en vigor as tarifas definitivas, que serán de 5 euros por un día de uso, 12 por unha semana, 20 polo mes e 36 euros por un ano completo. Uns días antes de que remate a promoción "Volvemos", a app enviará un aviso aos usuarios advertíndolles do remate da oferta, informando das novas tarifas dispoñibles e invitándoos a renovar a subscrición.

Dentro da tarefa promocional Volvemos, as primeiras 500 persoas aboadas recibirán de agasallo un chaleco reflector co logo do Vaibike!, cuxo sistema de recollida se dará a coñecer nos vindeiros días.