Ravella acometerá a mellora do Centro Social do Ramal e da Praza Doutor Carús

A actuación ten un custe de 48.000 euros e un prazo de execución de un mes
Estado actual da praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Estado actual da Praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Entre os investimentos que se van levar a cabo nos vindeiros meses en Vilagarcía grazas aos remanentes resultantes do orzamento municipal de 2022 atópanse o da mellora do pavimento da praciña do Centro Social do Ramal e o da Praza de Doutor Carús. O goberno local conta xa co proxecto da actuación, cuxo importe para os dous espazos ascende a 48.000 euros, polo que, tras ter aprobado o reparto dos fondos no Pleno de setembro, a previsión é contratar os traballos en cuestión dunhas semanas. O prazo de execución dos mesmos é de un mes.

O desenvolvemento desta obra permitirá acondicionar dúas zonas especialmente deterioradas e mellorar as condicións de seguridade viaria, tanto para os peóns como para a circulación de vehículos.

A praza situada tras o centro do Ramal utilízase principalmente como zona de estacionamento público. Ao contar cun pavimento de terra, debido ás correntadas de  auga e á acción das rodas dos vehículos ao manobrar, téñense creado numerosas fochas que coa chuvia se enchen de auga, dificultando o tránsito de peóns e dos vehículos.

Para mellorar a accesibilidade neste aparcamento disuasorio procederase ao nivelado do terreo e posterior estendido dunha base de xabre. Para evitar a acumulación de auga na superficie, instalarase unha canalización para a recollida de pluviais cos correspondentes sumidoiros e arquetas. Finalmente, procederase a pavimentar a superficie con aglomerado.

O pavimento da Praza Doutor Carús tamén se atopa moi deteriorado debido ao tráfico que soporta e á actividade do mercado ambulante, que supón o tránsito e manobra de furgóns de peso considerable. O desgaste polo uso intenso, xunto coa acción da climatoloxía, dou pé a numerosas fochas, afundimentos e desniveis que crean un risco para a mobilidade dos peóns, especialmente cando acoden ao mercado, e dificultan o paso dos vehículos.

Para resolver estes problemas acondicionarase a praza cun varrido do firme previo á pavimentación final. Ademais, elevaranse as tapas de rexistro dos servizos para que queden a nivel e completarase a actuación co repintado da sinalización horizontal, vaos e pasos de cebra.