Os premios aos proxectos europeos en España serán elixidos en Vilagarcía

O municipio recibirá durante eses días un gran impulso económico fomentado a través de diversas actividades
O Concello de Vilagarcía deu luz verde á actuación este luns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O municipio convertirase no centro atención das axudas europeas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Vilagarcía será, o 22, a sede do Acto Nacional de Comunicación dos Fondos Europeos en España. Nel se elixirán os mellores proxectos realizados con achegas europeas. Asistirán representantes do Goberno central, de autonomías, deputacións e concellos. É a primeira vez que o acto sae fóra de Madrid.

O Goberno local prevé a asistencia de 300 persoas, con independencia das que o fagan por vía telemática. Unhas e outras votarán o mellor proxecto, despois de ser expostos polos seus autores durante cinco minutos no Auditorio. Coincidirá, ademais, coa Semana Europea da Mobilidade. Coorganizada polo Ministerio de Hacienda y el Concello, a gala arrancará coa participación de escolares vilagarciáns, que demostrarán os seus coñecementos sobre a Unión Europea nun quiz show no mesmo auditorio, mentres fóra, outros realizarán un mural sobre os valores europeos que servirá de fondo de escenario para a festa que, ás 19:30, porá fin á xornada, con maxia e humor, acrobacias aéreas e música.

Na praza da II República instalaranse dúas exposicións: unha, sobre os dezaoito proxectos que, en seis categorías, participan no concurso; e outra, acerca da incidencia dos fondos europeos na vida dos vilagarciáns: dende a reforma do pavillón de deportes ao paseo de Canelas, pasando pola biblioteca e as obras ou servizos postos en marcha.

O acto terá un impacto económico. Así, ademais dos gastos da estancia de todos técnicos e políticos que se desprazarán á cidade, igualmente haberá un almorzo na praza da Peixería, ofrecido polo Ministerio, encargado a unha empresa local, e o Concello convidará aos asistentes a unha visita ao pazo de Rubiáns. O día anterior, os participantes neste evento tamén coñecerán a illa de Cortegada.