A Policía intercepta a un mozo por substraer gasóleo do despósito dun camión en O Vento

Os axentes localizaron ao individuo camiñando en dirección a Castroagudín e portando dúas garrafas de 25 litros que contiñan o combustible
Coches da Policía Local de Vilagarcía. DP
photo_camera Coches da Policía Local de Vilagarcía. DP

A Policía Local de Vilagarcía interceptou o sábado pola tarde a un mozo de 19 anos que, segundo todos os indicios, viña de baleirar o depósito de gasóleo dun camión refrixerador estacionado na zona de O Vento. O individuo foi localizado intentando agochar dúas garrafas que contiñan o combustible e, dado que carecía de documentación, foi trasladado ás dependencias da Policía Nacional onde se procedeu á súa identificación e se entregou o material incautado.

Unha persoa que veu ao individuo saltar o muro do recinto do Cash IFA foi quen alertou á Policía do que estaba a acontecer. Cando a patrulla municipal chegou á Rua do Cristo, a testemuña describiulles ao individuo e indicou por onde marchara. Os axentes localizárono camiñando cara Castroagudín e portando dúas garrafas de 25 litros de capacidade que, ao decatarse da presenza policial, agochou entre unhas matogueiras. Os axentes lograron interceptalo antes de que puidera subirse ao patinete eléctrico que co pretendía fuxir, e comprobaron que unha das garrafas estaba completamente chea de combustible e a segunda contiña un pouco.

Dado que o mozo non levaba ningún documento que o identificase, os axentes conducírono ás dependencias da Policía Nacional, onde se comprobou que respondía ás iniciais de F.B.T., nado en Vilanova.

Segundo puido pescudar a Policía Local tras contactar co condutor do camión refrixerado, este informou de que o depósito de combustible xa lle aparecera forzado anteriormente.