O Obradoiro do Salnés ilumina a Noiteboa e Fin de Ano con 100 menús solidarios

O servizo aumentou a súa oferta ofrecendo menús solidarios a 30 fogares de Meaño, ademais de Vilagarcía
Parte do persoal do Obradoiro do Salnés. DS
photo_camera Parte do persoal do Obradoiro do Salnés. DS

O obradoiro de emprego Hostalería do Salnés XV (promovido pola Mancomunidade do Salnés e subvencionado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade) volveu a cociñar este fin de ano para Cáritas Interparroquial de Vilagarcía de Arousa

Xa o fixera a semana anterior preparando o menú de Noiteboa, cumprindo así co convenio de colaboración que o obradoiro ten con esta entidade social por decimoquinto ano consecutivo. 

Na cea de Fin de ano, as persoas usuarias de Cáritas degustaron un menú diferente, cheo de sabor e preparado dende o obradoiro de emprego con moito agarimo. 

Ademais, este ano o Obradoiro extendeu os seus esforzos ao elaborar menús solidarios para 30 fogares que o demandaron dende o Concello de Meaño.

Dende primeira hora da mañá o alumnado traballador do obradoiro preparou máis de 100 menús solidarios que sairon da cociña do obradoiro de hostalería totalmente preparados para a cea de Fin de Ano. Estes menús constaron de: lasaña de verduras, albóndigas de pescada en salsa mariñeira con pataca panadeira, costela a baixa temperatura con guarnición, tarta de milfollas con crema pasteleira e nata e galletas de Nadal.

“É un dos traballos do ano que realizamos con máis agarimo” afirmou Paco Caneda, docente da especialidade de Cociña. 

Dende fai pouco máis dun mes do seu inicio, o obradoiro comezou con gran entusiasmo a súa XV edición, participando en diferentes eventos dentro da comarca do Salnés. O primeiro tivo lugar en Meis participando na feira do galo de curral cunha degustación de elaboracións sorprendentes feitas con este manxar. O segundo showcooking tivo lugar en Sanxenxo, dentro da programación navideña que o Concello de Sanxenxo ofrece no Icepark con aperitivos de Nadal atraendo a numerosos visitantes.

O Obradoiro de Hostalería continúa logo das festas coa súa formación teórico práctica coa realización de almorzos saudables nos centros de ensinanza primaria da comarca do Salnés ademáis de numerosas xornadas formativas.