Eva Almazán e Xosé Antón Parada gañan o Plácido Castro de Tradución

A ceremonia terá lugar o vindeiro 29 de setembro en Corcubión
Eva Almazán. DS
photo_camera Eva Almazán. DS

O Premio de Tradución Plácido Castro compartirase entre dous autores na súa vixésimo primeira edición. Tras avaliar os traballos presentados, o xurado acordou outorgar ‘ex aequo’ o galardón do ano 2022 á tradutora Eva Almazán pola obra O ano do pensamento máxico/ The Year of Magical Thinking, de Joan Didion; e a Xosé Antón Parada Fernández, por Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica.

A cerimonia de entrega do premio celebrarase en Corcubión o 29 de setembro. Entre as calidades dos traballos recoñecidos este ano, no caso de Eva Almazán, o xurado destaca a excelencia da obra, de aparencia sinxela, pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salienta tamén a elegancia da tradución, tan efectiva como a orixinal.

No caso de Xosé Antón Parada Fernández, sinala a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resalta tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade.

A Fundación Plácido Castro, da que Vilagarcía é membro fundador, convoca anualmente o Premio de Tradución que xa se ten consagrado como un referente no sistema literario galego. O galardón está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada Babelio, deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves, a maiores dunha dotación económica é de 2.000 euros. O certame conta na súa nómina de premiados con persoeiros como Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto, Antía Veres ou María Alonso Seisdedos.