A Escola Oficial de Idiomas e o CEIP A Lomba galardoados en materia de igualdade

Seis proxectos concorreron á XVII edición do certame convocado polo Concello de Vilagarcía
Premios Igualdade Vilagarcía 2023
photo_camera Os premiados co alcalde e concelleiros no acto de entrega celebrado en Ravella. DS

A Escola Oficial de Idiomas e o CEIP A Lomba foron os dous centros educativos galardoados este ano cos Premios de Igualdade na Escola do Concello de Vilagarcía polas boas prácticas que desenvolveron ao longo do curso 2022/23 en materia de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero. O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira da área, Tania García, fixeron entrega dos galardóns consistentes en 500 euros e un diploma para cada centro. Ao acto asistiron tamén a concelleira de Cultura, Sonia Outón e o edil Carlos Coira.

Á XVII edición dos Premios para a Igualdade: Boas prácticas na Escola concorreron seis proxectos. O da Escola Oficial de Idiomas competiu na categoría de Ensinanzas Especiais e os outros cinco na de Educación Infantil e Primaria. Neste apartado, un dos traballos foi presentado por unha ANPA, aspecto este último valorado moi positivamente polo xurado. A categoría de Secundaria e Bacharelato quedou deserta.


O premio convocado pola Área de Igualdade-CIM está dirixido a dar visibilidade a boas prácticas educativas nas que se traballe a prol da consecución da igualdade entre homes e mulleres, da igualdade de trato e da non discriminación por razón de identidade ou orientación sexual. Os proxectos tamén deben traballar na identificación e rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúan ao mantemento da violencia machista, así como na incorporación de xeito transversal de valores que constrúan esquemas alternativos de socialización baseados na igualdade entre o alumnado.

A Lomba en pé é o título do proxecto do CEIP A Lomba, dirixido polo equipo de Igualdade do centro e que tivo como persoas beneficiarias ao alumnado de Infantil e Primaria e ás súas familias. O traballo tiña como obxectivo concienciar ao alumnado na convivencia cotiá en termos de igualdade de xénero como parte dos dereitos humanos. As boas prácticas centráronse en fomentar o respecto e facer visible o papel da muller para resaltar a súa influencia e importancia na sociedade.

As boas prácticas en materia de igualdade introducíronse na dinámica habitual do centro, no seu plan de convivencia, mediante a creación dos patios inclusivos ou a realización de diversas accións para visibilizar a diversidade. Tamén se organizaron actividades concretas de igualdade en torno ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, ou o 11 febreiro, Día Internacional da Muller e da Ciencia. A metodoloxía aplicouse de forma particular, con traballo en cada aula, e tamén de forma xeral, coa realización de actividades conxuntas nas que participou todo o alumnado: cancións reivindicativas, murais, pancartas, obras de teatro e charlas, foron utilizados como ferramentas de traballo para este proxecto.

Ondas de Igualdade. Radioteatro nas Aulas, da Escola Oficial de Idiomas, foi un proxecto promovido polo profesorado do departamento de Lingua Galega e dirixido ao alumnado do CELGA IV de xeito particular, e ao resto do centro de maneira xeral.

A iniciativa tiña como obxectivo promover a reflexión sobre os estereotipos de xénero na sociedade actual, a identificación e a análise de prácticas en positivo coas que combater eses estereotipos e prexuízos, e a promoción de accións dirixidas a mudalos.

A través de diversas dinámicas da aula, levouse a cabo unha primeira labor de observación da realidade e de reflexión, que materializaron nun franelograma onde o alumnado clasificou condutas, clichés e comportamentos sociais machistas. Estas reflexións servíronlle para, posteriormente elaborar textos narrativos e guións radiofónicos que gravarán e publicarán na radio da escola.