VIDA SALNÉS

Coral e Laura Piñeiro: “A nosa paixón é o audiovisual con impacto social”

Estas dúas mellizas vilagarcíans converteron o audiovisual na súa paixón ▶ O seu primeiro documental, Dores, foi o resultado do seu traballo de fin de carreira
photo_camera Coral e Laura Piñeiro para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A nosa historia
Eu son Coral Piñeiro e adícome ao audiovisual, e eu son Laura Piñeiro e son montadora cinematográfica. Somos mellizas e nacimos en Vilagarcía de Arousa. 
Coral: Empezamos xuntas a facer de todo porque desde que estamos no instituto os nosos profes tamén nos animaron moito a tratar o audiovisual. Entón, algo que era unha tarefa de clase acabou sendo algo que nos gustaba moito facer xuntas. Somos mellizas e estudamos a mesma carreira. Como traballo fin de carreira fixemos un documental que se chama Dores sobre os campos de concentración de Franco. Estabamos nunha pandemia e foi dificil sacalo adiante porque nos graduamos en 2020. Pero dounos como moitísimo...
Laura:  Moitísimo pé a compartir unha historia da que se falara pouco. A xente agradecía un formato sinxelo para poder acercarse a unha temática bastante complexa.
Coral: Acabamos movéndoa moito, fomos por diferentes concellos, traballamos moito en institutos, damos charlas e decidimos que había que crear unha estrutura para manter este traballo que estabamos facendo e decidimos que unha asociación cultural seria a mellor estrutura. 
Laura: A Asociación Memoria e Cinema na que estamos nós e outros catro compañeiros de clase para tratar outros proxectos tanto da memoria histórica e outras temáticas desde o audiovisual, forma teatral, podcast... digamos que é unha forma de tratar a memoria bastante multidisciplinar.

E iso da memoria histórica non vos queda moi lonxe? 
Laura: Foi un pouco porque nos quedaba lonxe e tamén porque sentimos o descoñecemento. Cando fixemos “Dores”, estabamos lendo o periódico e limos unha noticia que puña “Los once campos de concentración de Franco en Galicia: las once puertas del infierno”. Nós que nos criamos en democracia, que estudamos historia de España no bacharelato, descoñecíamos todo isto. Entón emerxeu toda esa investigación que foi no documental pero que se transformou en destapar máis temas aínda: Como fora esa transición? Que tipo de represión viviron as mulleres? e moitos temas que nos  inquietaron. 
Coral: En “Dores” falamos dos campos de concentración pero, sobre todo, de por que non os coñecemos. Facendo ese documental fomos descubrindo as capas de silencio e por que existe tanto silencio. E precisamente por esa diferencia xeracional non temos esta implicación emocional e podemos asumir a historia desde unha perspectiva diferente... Nós pensabamos que non tiñamos nada que ver nin cos campos de concentración, nin coa memoria, e que faciamos isto por simple curiosidade e, dous anos despois de facer o noso documental, contounos o noso tío que o noso bisavó estivera en San Simón preso. 
Laura: E ademais é un tema moi actual porque a lei de memoria democrática votouse o ano pasado e está no Congreso continuamente. Tanto a guerra civil como a transición incluso está nas propias rúas, no nome desas rúas... é un tema bastante máis actual do que parece e que nos define como país, e do que temos moito que aprender para non repetir moitas cousas. 

A vosa nai, a vosa familia, é a vosa aliada na vosa teima profesional? 
Coral: Nós estamos aquí grazas a nosa nai. Cando queres dedicarte a un mundo tan complicado como é o audiovisual, e disciplinas máis artísticas, a confianza é brutal e mesmo este proxecto que facemos de “memoria e cinema” non creo que o puidéramos estar facendo sen ese apoio e ese cariño que recibimos desde o primeiro momento da nosa nai, e que seguimos recibindo de moita xente. (Laura fai un corazón coas mans)

Que significa a tecnoloxía nas vosas vidas? 
Laura: Nos criámonos gran parte da infancia sen internet, pero xa cando entramos no instituto empezaba o das redes sociais e todo isto. 
Coral: Como tamén tivemos ese acceso a internet sendo adolescentes pois, ao final, como que nos deu moito pé a buscar as formas de facer as cousas e, a día de hoxe, seguimos traballando coa tecnoloxía.

Por que se fala tanto dos problemas que a tecnoloxía lle trae a vosa xeración? Sodes conscientes das crises emocionais da vosa xeración? 
Coral: Eu creo que os problemas emocionais existiron sempre, outra cousa é que se fale máis e que estean máis no debate público. Desde que temos 12 anos, hai crise e non para de falarse de crise, de precariedade laboral... nós estamos enfrontándonos a un sector bastante complicado, con moitas ganas e moita ilusión, pero si que é verdade que moitas veces é constantemente intentar buscar un oco. Nós o que fixemos foi apostar polo noso e seguir cos nosos proxectos. Pero si que é certo que moitas veces é moi complicado se non tes os medios para desenvolver a túa vida. 
Laura: Agora estás constantemente cunha pantalla que tamén transmite moito odio, cando antes tiñamos máis tempo para poder desconectar, asimilar cousas, reflexionar... e cada vez é máis complicado. A nosa xeración agora mesmo celebra un contrato dun ano como se fose algo impensable e se es indefinido tocouche a lotería. Vivimos moita precariedade para ser unha xeración tan formada. 

Onde vos vedes profesionalmente? 
Laura: Eu estou no momento de tirar polo audiovisual e seguir loitando por traballar de montadora cinematográfica a pesar da precariedade. Quero intentalo o máximo posible porque é onde o máis feliz sería.
Coral: Eu acabo de darme de alta como autónoma, entón véxome compatibilizando diferentes traballos no audiovisual. Tamén fago animación. Si que me interesan moito os traballos que teñan que ver coa xustiza social. Colaborei na campaña do 8M en Soutomaior e foi un documental no que falabamos coas mulleres intentando visibilizar as súas loitas, poder reivindicalas, que elas se sentiran apreciadas, escoitadas, iso é case mellor que calquera peza audiovisual que eu poida facer. A min iso gustaríame facelo sempre. 

Coral e Laura Piñeiro para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Algún dos materiais imprescindibles na vida destas dúas rapazas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

E o futuro da Asociación Memoria e Cinema?
Laura: Xa fixemos un documental que se chama “A pel da memoria” sobre Mariví Villaverde que foi unha vilagarciana filla do alcalde republicano cando foi o golpe de estado, Elpidio Villaverde. Polo seu centenario fixemos unha peza en colaboración coa Deputación para falar da súa figura, unha figura moi esquecida por ser muller, e recuperar todo o traballo que ela fixo a prol da memoria. Nós queremos crear desde o audiovisual; pero (a Asociación) tamén ten o obxectivo de abrirnos a outra xente, a outros proxectos multidisciplinares, culturais, pero que falen da memoria para facer esa transmisión de temas que se esquecen e que se quedan atrás.

Non vos sentides parte dunha industria pequena aquí en Galicia? 
Coral: É que non está nada pequena.
Laura: Non. Está crecendo moito. Está profesionalizándose mogollón, sobre todo nos últimos anos. Somos dos primeiros en produción audiovisual. Primeiro está Madrid, logo Barcelona e despois Galicia. Está emerxendo e quedan moitas historias por contar. 
Coral: En realidade en Galicia temos moitísimo potencial.

Que é ser mellizas? Sodes tan cercanas por ser mellizas ou por ser irmás?
Coral: Eu creo que nos sentimos moi cercanas porque ao final vivimos toda a vida xuntas, moito máis tempo incluso que coas nosas parellas. Eu vivo coa miña parella e non vivo tanto tempo, nin tantas cousas como as que vivo con Laura. Agora mesmo está empezando a cambiar; pero é verdade que crecimos xuntas, fomos ás mesmas clases, tiñamos os mesmos amigos tamén. Por sorte, tivemos intereses moi parecidos e queremos adicarnos ao mesmo. En casos imaxinarios eu creo que saberíamos exactamente como actuaría a outra. 
Laura: Si. Incluso para ser mellizas, eu creo que pasamos máis tempo xuntas que moitos mellizos que coñecemos. Ademais, seguimos contando a unha coa outra porque admiramos o traballo que fai a outra no sector audiovisual. 
Coral: É dificil ir contra as dúas (rin).

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Coral: Ilusión.
Laura: Cariño.
Un lugar?
Coral: A cociña da miña nai
Laura: Los Duranes que é onde está a nosa casa.
Unha persoa?
Coral: Laura
Laura: Mari Carme, a nosa nai.
Unha personaxe?
Coral: O protagonista do “lapis do carpinteiro”. O doutor Novoa ten un carácter moi especial e moi guai, que anima moito á xente a facer cousas. 
Laura: Chantal Akerman que é unha directora feminista que fixo cine vangardista, fóra do convencional e que foi moi valente.
Alguén importante?
Coral: a miña nai seguro
Laura: eu agora digo Coral.
Un obxecto? Unha cousa?
Coral: A miña libreta.
Laura: O ordenador no que edito
Unha ferramenta?
Coral: Un micrófono.
Laura: O programa de edición que utilizo.
Alguén imprescindible?
Coral: A miña parella, Fran Rodríguez Casal que tamén se dedica ao audiovisual, é fotografo.
Laura: Bruno Arias que traballa con nós, tamén é parte da Asociación Memoria e Cinema e é a miña persoa favorita coa que pasar tempo.
Que é a vida?
Coral: Para min a vida é volver e conectar coa xente que queres. A vida é o que tes diante. A vida tamén é o impacto que tes na xente que te rodea. 
Laura: Tamén saber sacar o mellor, o amor e o cariño que hai.