Vilagarcía denuncia un "inxustificable retraso" da Xunta na dotación do albergue de Carril

O edificio, no que se investiu máis de 600.000 euros, está a disposición da SA do Xacobeo dende novembro de 2022 e o Concello encabezado por Alberto Varela pide ao Goberno autonómico unha resposta aos requirimentos
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Despois de dez meses á espera dunha resposta, o goberno local de Vilagarcía denunciou este sábado "o inxustificable retraso da Xunta de Galicia" no cumprimento do seu compromiso de integrar o albergue de peregrinos do Carril na rede pública do Camiño de Santiago en Galicia.

O edificio, que en orixe ía ser unha casa da cultura levantada sobre os terreos da antiga Fundación Fernández, foi rehabilitado polo concello con fondos provinciais cun investimento de máis de 600.000 euros e está a disposición da Xunta dende mediados de novembro do ano pasado.

Malia as dúas visitas realizadas polos técnicos autonómicos e os continuos requirimentos do goberno local, a última vez este mesmo venres, o Concello encabezado por Alberto Varela denuncia que "seguen sen resposta".

"Fronte ao investimento feito polo concello, a Xunta, a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, o único que ten que facer é dotalo do mobiliario (colchóns, lavadora, secadora, cafeteira...) e adscribir un traballador da empresa concesionaria da administración da Rede de Albergues, a fin de encargarse da xestión diaria", reclaman desde a entidade de Vilagarcía.

Desde o goberno local denuncian que "a situación é intolerable dende o punto de vista institucional e lamentable dende a perspectiva do esforzo común por promocionar Galicia como destino turístico, e máis cando o albergue do Carril e o concello de Vilagarcía están no berce da Ruta Xacobea Marítimo Fluvial do Mar de Arousa e Río Ulla" e recordaron tamén que "os peregrinos seguen pasando por Vilagarcía, por Carril e por diante do albergue e continúan esperando a que a Xunta cumpra co seu compromiso e o dote de mobiliario e persoal".