Vilagarcía estrea novos contedores de carga lateral e de maior capacidade

Os modelos xa se poden ver en Rodrigo de Mendoza e chegarán nos vindeiros días á avenida da Mariña e Juan Carlos I, así como ás rúas intermedias
Contenedores de basura delante del Concello de Vilagarcía DS
photo_camera Os novos contedores chegarán tamén ao rural. DS

Urbaser puxo en marcha esta semana o proceso de renovación de contedores prevista no contrato. A implantación dos novos colectores, de carga lateral e de maior capacidade que os actuais, comeza polo centro urbano de Vilagarcía para continuar posteriormente polas zonas periurbanas e núcleos de Vilaxoán e Carril. Os novos depósitos xa se poden ver na avenida Rodrigo de Mendoza, e nos vindeiros días tamén na avenida da Mariña e Juan Carlos I. A renovación irase estendendo desde estes tres eixos ás rúas intermedias ata completar o centro da vila, o que, segundo indican responsables da empresa, será a finais de ano.

Unha das novidades evidentes a simple vista é o tamaño dos novos contedores, cuxa capacidade (2.900 litros) triplica á dos que viñan prestando servizo ata o de agora, de 800 e 1.000 litros. Este cambio suporá unha importante mellora no que a imaxe se refire posto que reduce as posibilidades de que os colectores cheguen a rebosar e as bolsas de lixo se acumulen enriba ou polo chan, como acontecía nalgúns puntos da cidade.

Outro dos cambios é que os depósitos concentraranse nun mesmo punto para crear illas nas que sempre haxa colector para restos, papel-cartón e envases. Este sistema resulta máis eficaz á hora da recollida e, sobre todo, aporta maior comodidade ao usuario, que non terá que desprazarse a distintos puntos para desfacerse dos diferentes tipos de residuos.

Os colectores son todos grises, para ofrecer una imaxe máis homoxénea e estética, diferenciando o tipo do residuo ao que se destina cada un mediante a cor da franxa na parte superior (amarelo para os envases lixeiros, azul para o papel e cartón, e verde para os restos).

Aínda que a recollida de vidro depende de Ecoembes, non de Urbaser, aproveitarase para concentrar tamén nas illas os iglús verdes para este residuo. Do mesmo xeito, unha vez se implante o contedor marrón para a recollida da fracción orgánica do lixo, a illa completarase co colector específico.

Máis rápido e silencioso

A principal novidade que aporta o novo contrato do lixo é o paso á carga lateral, un sistema moito máis eficaz que o actual de carga traseira, posto que non precisa que o persoal mova os contedores ata a parte posterior do vehículo para proceder ao baleirado e logo volva deixalos no seu lugar. O camión de carga lateral, co sistema de enganche ao lado dereito, fai a operación directamente, aportando rapidez e evitando os ruídos do arrastre dos colectores.

Debido ao novo sistema de recollida, nalgúns casos será preciso cambiar o emprazamento actual dos contedores, que pasarán ao outro lado da rúa para permitir a manobra de carga lateral por parte dos camións. O lugar definitivo das illas decidirase en función das características da vía, tendo en conta criterios de mobilidade, accesibilidade e seguridade viaria, e intentando que sexa xusto enfronte do punto orixinal ou o máis preto posible deste.

Aínda que estes cambios serán os menos, dende o Concello e Urbaser pregan a comprensión e a colaboración da veciñanza, insistindo en que son imprescindibles e responden a razóns de operatividade. Lembran, ademais, que o novo sistema mellorará a prestación do servizo e repercutirá moi positivamente no conxunto da comunidade.

Novos modelos de carga traseira para o rural

A renovación da contenerización prevista no novo contrato chegará tamén ás parroquias do rural. Será unha vez finalice a substitución nas zonas urbanas e coa variación de que os novos contedores seguirán sendo de carga traseira. Isto débese a que o actual sistema axústase mellor ás características destas zonas, con rueiros estreitos polos que os camións de carga lateral –moito máis voluminosos- non poderían transitar nin facer a manobra de baleirado dos contedores, a carón dos cales deben situarse para facer a operación.

Aquí tamén se organizará a recollida a través do sistema de illas, con contedores de imaxe similar aos do centro urbano, para manter a uniformidade e a estética, pero de menor tamaño.