'Cigarreiras', unha obra inspirada na novela 'La Tribuna' de Emilia Pardo Bazán

O espectáculo da compañía Contraproducións chega este sábado 15 de outubro ao Auditorio de Vilagarcía
Teatro 'Cigarreiras'. DS
photo_camera Unha escea da obra 'Cigarreiras'. D.S.

O dramaturgo Cándido Pazó inspirouse na novela de Emilia Pardo Bazán, 'La Tribuna', para crear 'Cigarreiras', a premiada obra de teatro que xira en torno á folga protagonizada no ano 1873 polas mulleres que traballaban na fábrica de Tabaco de A Coruña. O espectáculo da compañía Contraproducións chega este sábado 15 de outubro ao Auditorio de Vilagarcía, tras ser representado con éxito en capitais como Barcelona. As entradas xa se poden adquirir a través de www.ataquilla.com ao prezo xeral de 5 euros (más custes de xestión). Titulares do carné Xove, parados e maiores de 65 anos poden beneficiarse da entrada bonificada a 3 euros.

'Cigarreiras' vén precedida dun destacado palmarés xa que, ademais de contar co Premio ao Mellor Espectáculo na edición deste ano dos Premios María Casares de Teatro, tamén obtivo os recoñecementos nas categorías de mellor dirección e mellor escenografía.

Escrita e dirixida por Cándido Pazó, compoñen o elenco Tamara Canosa, Susana Dans, Covadonga Berdiñas, Isabel Naveira, Ledicia Sola, Ana Santos e Mercedes Castro.

Como 'La Tribuna' de Pardo Bazán, 'Cigarreiras' sitúase a finais dio século XIX, nunha época política e socialmente convulsa onde en España houbo cambio de reis, se proclamou a Primeira República e a muller irrompeu no mercado laboral. Nese contexto e na procura do realismo que predominaba na literatura do momento, Emilia Pardo Bazán escribiu a citada obra, alcume polo que se coñecía a unha das operarias da Fábrica de Tabaco da Coruña que destacaba pola súa corrección á hora de expresarse nas reunións e convencións obreiras. Cándido Pazó adaptou a novela para levala ao escenario, recollendo o día a día, as preocupacións e as vidas desas traballadoras humildes, honradas e, sobre todo, dignas.

A sinopse nos explica que cando unha muller está dando a luz ao seu fillo bastardo, froito dunha relación socialmente imposible entre unha proletaria e un burgués, escoita a voz dunha multitude na rúa que berra: "Viva a República Federal!". Esta apaixonante historia é unha testemuña da crise política que levou á caída da dinastía borbónica e das primeiras loitas feministas das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña, que iniciou a contratación masiva de man de obra feminina. Tempos convulsos nos que resoan ecos de actualidade.