Castes ofrecerá un curso de iniciación á cata de viños da man da Asociación Galega de Sumilleres

Será este mércores, 23 de novembro, con carácter gratuíto e contará con 20 prazas
SALNES Martin Codax As tardes do Atlantico Bodegas Martin Codax Cambados (_LO_7893.JPG)
photo_camera Unha cata de viños na bodega Martín Códax. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Castes, a feira independente do viño que organiza o Wine&Beer Bar Derby, coa colaboración do Concello, arranca este mércores, día 23, coa selección dos viños que serán premiados o vindeiro domingo, pero tamén cun acto aberto ao público: un curso de iniciación á cata que ten carácter gratuíto, da man da Asociación Galega de Sumilleres.

O encontro será impartido por Juanjo Figueroa, un dos máis recoñecidos profesionais do sector, presidente da Asociación, copropietario do restaurante Lume de Carozo e xefe de estudos do Instituto Galego do Viño.

O curso, que conta cun total de 20 prazas dispoñibles, desenvolverase no primeiro andar da praza de abastos a partir das 20:00 horas. Os interesados en participar poden inscribirse enviando un correo electrónico á dirección [email protected] ou ben chamando ao teléfono 630 72 22 26. 

O groso da feira concentrarase o vindeiro fin de semana, no que haberá túneles do viño e unha feira propiamente dita, na que ata 60 bodegas darán a coñecer as súas elaboracións. A Champaña francesa terá este ano especial protagonismo, compartindo espazo con bodegas de España e Portugal. Castes tamén será sede dun concurso internacional de cata.