O campo de fútbol da Lomba recibe doce ofertas para mellorar a súa iluminación

Ademais de gañar en potencia lumínica e adaptar o campo ás esixencias de competicións nacionais, os traballos neste campo de Vilagarcía permitirán un importante aforro enerxético.
Estadio Municipal de A Lomba. GONZALO GARCÍA
photo_camera Estadio Municipal de A Lomba. GONZALO GARCÍA

O concurso convocado polo Concello de Vilagarcía para adxudicar o subministro de equipos para a mellora da iluminación do campo de fútbol da Lomba recibiu un total de doce ofertas de empresas.  Con esta actuación o Concello mellorará as condicións lumínicas do terreo de xogo, adaptándoas ás esixencias da Federación de Fútbol para competicións de categoría nacional, e tamén permitirá aforrar no consumo de enerxía eléctrica. O investimento superará lixeiramente os 130.000 euros.

A obra enmárcase nas medidas de mellora da eficiencia enerxética que está a levar a cabo o Concello de Vilagarcía en diversas instalacións municipais, así como nas políticas que se promoven desde a UE para reducir a pegada de carbono. Finánciase a través do Plan Concellos 2022/23 da Deputación Provincial de Pontevedra.

O contrato a adxudicar inclúe o subministro do material necesario para substituír os 40 proxectores halóxenos, lámpadas de alta potencia accionadas por aire comprimido, de 2.000 vatios existentes na actualidade. Serán reemprazados por outros 40 proxectores de tecnoloxía led con potencias iguais ou inferiores aos 1.440 vatios. Este requirimento de menor potencia suporá un importante aforro económico no consumo eléctrico a asumir polo Concello.

Os novos focos deben garantir un nivel de luminosidade de 500 lux, o que mellorará considerablemente as actuais condicións lumínicas do terreo de xogo á vez que se reduce o consumo enerxético.