As acrobacias dos africanos Kine Circus e o Tributo a Mecano, pratos fortes deste sábado

O San Roque afronta a súa primeira fin de semana das Festas de San Roque con varias actividades de interese
O Festaclown comezou este xoves e animará o San Roque ata o día 15. DS
photo_camera O Festaclown comezou este xoves e animará o San Roque ata o día 15. DS

O primeiro sábado das festas patronais de San Roque servirá dous pratos principais que destacan polo seu gusto e calidade. O primeiro, enmarcado no Festaclown, será a actuación da compañía africana Kine Circus, que porá en escena o espectáculo Greed, e o segundo, o concerto Hija de la Luna, un tributo ao grupo Mecano.

O variado menú inclúe outros saborosos bocados, como animación de rúa, a actuación do clown Máximo Óptimo, as acrobacias do espectáculo Glamping, os pasarrúas dos grupos de gaitas e ata unha verbena.

O Animaclown abrirá os actos do día coa ambientación musical de Homem Banda a partir das 11 da mañá polo centro da cidade. As 12.30 público infantil poderá volver gozar dos Superroquiños na Praza de Ravella coa actuación de clown de Máximo Óptimo. A música das gaitas do grupo Airiños de Carril ambientará o rueiro da vila.

Este sábado tamén comezará á venda das camisetas da Festa da Auga. A comisión veciñal instalará unha carpa na Praza de Galicia a partir das 10.30 horas para que as persoas que o desexen poidan adquirir a prenda da presente edición. O deseño é creación de Pablo Patiño Moledo, pintor e ilustrador que compaxina a súa carreira visual coa composición musical, o contrabaixo e a docencia.

A festa prosegue pola tarde coas acrobacias coas que a compañía Su-Ma provocará vertixe entre o público que acuda ás 19.30 horas á Praza de Galicia para ver Glamping. A compañía etíope Kine Circus tomaralles o relevo ás 21.00 horas para representar, na Praza da II República, Greed, un espectáculo multidisciplinar dirixido a todos os públicos e no que non faltarán as acrobacias, a fantasía, os malabares e a danza.

A música tradicional tamén se poderá escoitar pola tardiña en Vilagarcía grazas ao pasarrúas que ofrecerá o grupo de Gaitas Lumarada de Carril e os amantes da verbena poderán botar uns bailes na avenida da Mariña a partir das 23.00 horas ao ritmo da orquestra Los Coleguitas. Á mesma hora, pero no Parque da Xunqueira, comezará o concerto Hijo de la Luna, un tributo ao mítico grupo Mecano.