VIDA SALNÉS

Ana Santorun: “Hai que se deixar levar pola vida”

Tras comezar a súa carreira profesional como xornalista, pasou ao mundo da xestión do patrimonio na terra do seu pai, Vilanova ▶ Na actualidade é directora-coordinadora da Torre de Hércules
photo_camera Tras comezar a súa carreira profesional como xornalista, pasou ao mundo da xestión do patrimonio na terra do seu pai, Vilanova ▶ Na actualidade é directora-coordinadora da Torre de Hércules [VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA e EDUARDO DE LA PEÑA]
A miña historia
Son a filla maior de María e de Ventura, dous emigrantes que na década dos 50 partiron, cada un no seu barco, un desde o Atlántico e o outro desde o Mediterráneo, e confluíron nunha cidade que estaba en pleno desenvolvemento, Buenos Aires. Esa viaxe que fixeron estaba producindo unha verdadeira revolución nas súas vidas. As súas vidas estábanse a transformar, de seren labregos (miña nai no sur de Italia, meu pai en Galicia) a obreiros industriais. Chegaron a ese Buenos Aires que estaba a integrar a millóns de asalariados na vida política e que estaba a integrar as mulleres no traballo. Encontráronse nun baile de carnaval. Miña nai tiña 17 anos e foi vestida de señorita e meu pai disfrazado de médico. Miña nai sempre conta que ela non sabía bailar pero gustoulle o rapaz. Nese momento comeza a miña vida porque eu son un fiel retrato desa familia que hoxe chamaríamos multicultural. Unha familia na que se falaba castelán, porque era o idioma común, pero tamén aprendín o galego na casa dos meus tíos. E tamén aprendín a entender, que non a falar porque era moi difícil, ese idioma mediterráneo do sur de Italia, a terra da miña nai. A min iso deume unha comprensión moi ampla da cultura, sen darme conta. Recibindo a conciencia da terra a través dos avós. 

Ser filla de pais emigrantes é unha identidade?
Meu pai sae do porto de Vigo, miña nai sae do porto de Nápoles. Meu pai é de Vilanova de Arousa e eu nacín en Buenos Aires. Eu son porteña. Recibín a educación normal dunha rapaza de clase media traballadora e todo o que facían meus pais tiña un obxectivo único: que as fillas, que somos dúas, estudaran e progresaran sobre todo intelectualmente. Todos os seus pasos estaban dados con ese obxectivo. 

E que querías ser?
Eu quería ser periodista. Recordo o día qu decidín ser periodista, sería o ano 72. Viuse na televisión unha redada contra un grupo de periodistas que estaban buscando información e aquilo marcoume moitísimo e lembro ter escrito nalgún sitio: ‘quero ser periodista’. Non estudei periodismo porque daquela en Buenos Aires non existía unha carreira universitaria. Eu quería ir á universidade entón decidín estudar filoloxía. Empecei a traballar case mo mesmo día que empecei a estudar na Universidade Católica, nunha axencia periodística durante 10 anos en Buenos Aires e logo un pouquiño aquí en Galicia. 

Como é o regreso?
O regreso é moi natural porque os que pertencemos a familias de emigrantes vivimos día a día esa intención sempre de volver. Dalgún xeito prepárannos desde pequenos para ese regreso. Cando rematei o instituto, cando tiña 18 anos, en lugar de iniciar rapidamente a universidade viñen pasar un ano á casa da miña avoa en Vilanova de Arousa, en San Roque, parroquia de San Miguel. 

Volver era parte do plan logo?
Primeiro retornaron meus pais, cando ao meu pai lle chegou a idade de xubilarse e despois fomos viñendo nós. Evidentemente a situación política, social, económica de América axuda a que se tomen esas decisións.

E cando regresas con que te encontras?
Foi todo moi rápido e moi natural. O meu primeiro traballo foi en Atlántico Diario, aos 15 dias de baixar do avión. Para min non houbo demasiada adaptación porque eu viña a un sitio que coñecía, onde xa tiña amigos, e onde pasara un ano marabilloso facendo esa transición da adolescencia á maioria de idade. 

Pero non continúas no xornalismo.
Non, non continuou. A vida vainos levando e hai que se deixar levar pola vida. Seguramente non fun capaz de establecerme como periodista. Entón empecei a buscar por outros eidos e o que me facía moitísima ilusión era o tema de Valle-Inclán en Vilanova. Primeiro porque eu viña do campo da literatura e por outra parte gustábame o feito de deixar algo na terra do meu pai. E deuse a oportunidade. Alí estiven 7 anos.

Outro cambio?
Cambio o periodismo pola xestión do patrimonio. Cambio a dirección da miña traxectoria profesional e fórmome para iso.

A emigrante non teme o cambio?
No tema do patrimonio creo que favoreceu o medio no que estudei sendo adolescente. Estudei nun colexio en Buenos Aires, o colexio Santa Felicitas, un sitio patrimonialmente moi interesante, un edificio histórico que nos abría, ás rapazas que estudabamos alí a curiosidade sobre todo o que envolvía aquel edificio, a súa historia. E dalgún xeito, creo que isto ten relación con este cambio de carreira. Isto de cambiar de camiño, chegar a unha encrucillada e cambiar de dirección tamén é moi interesante.

Que hai entre a xornalista e a xestora do patrimonio?
Hai un punto en común. Sempre teño a sensación de que sigo comunicando. Agora estou noutro aspecto do patrimonio; pero co tema de Valle-Inclán,   ademais de desenvolver o museo, interesoume tamén esa relación que tiven co legado literario español. 

Pensas que se entende, que se aprecia, a figura monumental de Valle-Inclán?
En xeral hai moita superficialidade con todo o que ten que ver co patrimonio en xeral e tamén cos escritores. Pero tampouco podemos pretender que sexan figuras populares de grandes masas.

E chegas a Vilagarcía tamén da man do patrimonio.
Chego a Vilagarcía porque se quere desenvolver o Museo do Ferrocarril e o centro de interpretación da Ría de Arousa. Había unha boa idea de facer un museo relacionado con ferrocarril, pero non había unha colección, por iso a orientación que encontrei máis axeitada foi un pequeno museo de historia local relacionada co ferrocarril. 

Que pasou co Centro de Interpretación da Ría de Arousa? Non sei exactamente que pasou porque eu xa estaba fóra do concello e de Vilagarcía, pero sei que había unha cuestión relacionada coa lei de costas e que había que tirar esa construción.

Ana Santorun cunha granada e a Torre de Hércules. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Ana Santorun cunha granada e a Torre de Hércules. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

E chegas á Torre de Hércules.
Teño un pequeno período de traballar no concello de Catoira, pero despois cheguei ao sitio no que estou moi orgullosa: a Torre de Hércules. Son directora-coordenadora da Torre de Hércules. Ten moito que ver coa dirección dun museo. A diferencia é que un museo ten unha colección e a Torre non. O que pode ser a colección da Torre está no museo arqueolóxico do castelo de San Antón, na Coruña. Pero a Torre é o seu propio museo por dicilo así.

Cales son os retos da Torre?
Neste momento, conquerir un espazo a maiores do que ten para organizar actividades. Ironizando moito, diríache que a Torre é unha escaleira con catro paredes e unha luceciña enriba. E ten ao pé un centro de interpretación moi pequeniño e unha oficina de turismo. Esas instalacións non están de acordo coa importancia do monumento. Faría falta poder ofrecer actividades que expliquen o monumento. 

Que hai que explicar?
É un monumento que necesita explicación porque o visitante o que pensa é que vai ver unha torre e non se da conta que está facendo unha viaxe no tempo. Que unha vez que pasa a porta de ingreso está no século I, dous mil anos atrás, e se queda fóra está no século XVIII. 

É certo que o Salnés invadiu a Torre de Hércules?
Vouno dicir coa boca pequena, pero na Coruña estamos facendo un traballo de colonización impresionante. Os do Salnés e os da provincia de Pontevedra en xeral. Soamente na Torre de Hércules temos as esculturas de Manolo Paz que forman a súa propia paisaxe —un pouquiño afastada da Torre con moita intelixencia— e as portas de Hércules que son de Francisco Leiro, e un Hércules marabilloso que temos no centro de interpretación que tamén é de Francisco Leiro. 

Como é a xente do Salnés?
Somos xente natural que nos gusta formarnos e dar o mellor de nós no que facemos, disfrutando do que facemos. A xente é moi creativa.

E ti?
Eu estou sempre loitando contra esa introversión que creo que é negativa porque fai paredes, muros diante de nós. A pesar de que teño esa tendencia a vivir para adentro, gústame compartir. Son unha persoa que disfruta coas cousas pequenas, que non precisa de grandes historias para sentirse feliz. Quitándolle importancia á palabra felicidade. Son unha persoa que acepta a vida coas cousas boas e as cousas malas que van chegando. Teño unha capacidade grande de adaptación. Son desconfiada tamén. Son moito desta comarca.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Se non fose porque está tan mancillada diría Liberdade.
Un lugar?
A miña casa, O sofá onde leo e onde escoito música.
Unha persoa?
Meus pais. Dúas persoas que funcionaban como unha.
Unha personaxe?
Maqroll el Gaviero.
Alguén imprescindible?
Meus fillos, Cecilia e Daniel.
Alguén importante?
O meu compañeiro.
Un obxecto?
Un lapis.
Por que trouxeches unha granada para falar comigo?
Porque é a miña infancia. O día que cumprín 12 anos, o meu avó materno que era italiano, prantou unha granada no xardín e regalouma. 
Que é a vida?
A vida é un camiño que vamos descubrindo a medida que andamos e que depende de nós que sexa grata ou non, en boa medida. A vida é procurar ser feliz con cousas pequenas, coas cousas de todos os días. É tamén procurar facer felices aos que están arredor de nós. E procurar deixar unha boa pegada, un bo recordo nas persoas que nos acompañaron nesta aventura.