O alcalde visitou esta mañá as obras da nova cuberta do campo de fútbol de Vilaxoán

Acompañado da presidenta de Carmela Silva, sinalou que "a transformación que están a experimentar moitas partes de Vilagarcía é grazas ó esforzo investidor da Deputación"
Campo de fútbol Vilaxoán. DP
photo_camera Imaxe da visita de esta mañá ao campo de fútbol de Vilaxoán. DP

O campo de fútbol de Vilaxoán goza xa da súa nova cuberta. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, acompañado da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; do deputado de Cooperación Santos Héctor e de integrantes da directiva do club San Martín C.F. e do goberno local visitou esta obra, que é a primeira en inaugurarse con cargo ás achegas do Plan Concellos 2022. Esta actuación contou cun investimento por parte da Administración provincial de 43.335 euros, que se suman aos 1,2 millóns de euros xa aportados pola Deputación para melloras e actuacións tan só na parroquia de Vilaxoán. Se nos cinguimos ás obras en infraestruturas deportivas en todo o concello, as achegas provinciais, remarcou Carmela Silva, superan o millón de euros.

Carmela Silva destacou a importancia do remate tan temperán dunha obra que está financiada polo Plan Concellos 2022. “Non é habitual que en agosto estean finalizadas as obras do ano en vigor. O habitual é que veñamos inaugurar, como moito, as da convocatoria do ano anterior”, remarcou para destacar a axilidade administrativa do Concello de Vilagarcía. A presidenta puxo en valor o apoio da Deputación ao desenvolvemento de Vilaxoán con actuacións como a construción da escola infantil, a demolición da antiga estrutura de formigón na rúa Almirante Fontán, a nova cuberta da praza de abastos, reparación de lavadoiros, a humanización da rúa do Freixo ou a dotación de herba sintética do propio campo de fútbol de Vilaxoán no Plan Concellos do ano 2018.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou o papel do organismo provincial no apoio ao municipalismo. “Gracias á Deputación hai unha cohesión territorial, grazas ós seus fondos hoxe estamos en Vilaxoán; o outro día estivemos en Carril e tamén en Sobrán... Estanse facendo moitísimas cousas neste concello grazas á inversión  do Plan Concellos, e hai que dicir que non sempre foi así non nos esquezamos, porque foi Carmela Silva quen permitiu que sexan as alcaldesas e os alcaldes os que decidan onde se inviste”. Concluíu o rexedor destacando o novo aspecto do campo de fútbol: “Vilaxoán ten un campo de fútbol que vai a ser a envexa de toda a comarca”, afirmou.

A obra realizada na cuberta da grada corrixiu o deterioro estrutural nas vigas de formigón que soportan o armazón metálico da cuberta. Apreciáronse evidencias de ferruxe e perda de material de recubrimento, polo que a actuación foi máis ambiciosa do inicialmente proxectado e abrangueu a totalidade da cuberta, que ten 300 metros cadrados. Así as cousas os traballos consistiron en tres actuacións concretas: demolición da chapa metálica simple da anterior cuberta, para substituíla por panel sándwich moderno, que garante o illamento térmico, ademais da impermeabilización; en segundo lugar, a limpeza e tratamento superficial da estrutura metálica que soporta a nova cuberta mediante un tratamento de imprimación en tódolos elementos metálicos para eliminar a ferruxe e garantir a conservación e, finalmente, a reparación completa das vigas de formigón da estrutura da fachada e pintado dos paramentos interiores e exteriores.