A senda peonil que unirá as marxes da autovía do Salnés construirase este verán

▶ A Xunta aprobou este xoves o proxecto para o itinerario de 380 metros no enlace da vía coa PO-504 entre Vinquiño e Fontoira, por 180.000 euros ▶ Infraestruturas licitará as obras e as actas previas de expropiacións no segundo trimestre do ano, cun prazo execución de dous meses
Infografía do resultado final dun dos tramos do trazado da senda peonil. DS
photo_camera Infografía do resultado final dun dos tramos do trazado da senda peonil. DS

A senda peonil que conectará ambas marxes da autovía do Salnés entre os lugares sanxenxinos de O Vinquiño e Fontoira comezará a construirse este verán, cun prazo de execución de dous meses. Este é o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para o proxecto aprobado este xoves de xeito definitivo polo Consello da Xunta, e que permitirá superar unha barreira para a mobilidade peonil e reforzar  a seguridade viaria na controna do enlace da autovía coa estrada PO-504.

O investimento do Goberno autonómico ascende a 180.000 euros, e inclúe tamén o pagamento dos cinco predios que se expropiarán e ocuparán para poder acometer as obras, que a Consellería licitará no segundo trimestre de 2023, á vez que levará a cabo a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións. Neste sentido, a aprobación definitiva deste proxecto leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos, cunha superficie de expropiación definitiva de 85,16 metros e unha superficie de 35,71 metros que se ocupará temporalmente, e para os que está previsto investir 8.178,45 euros xa contemplados no orzamento do proxecto.

Sinalización da área pola que descorrerá a senda. DS
Sinalización da área pola que descorrerá a senda. DS

O itinerario peonil contará con 382 metros de lonxitude contando coas dúas marxes da autovía, e partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 ata o 0+870. Nese punto, deixado atrás o paso inferior sobre a VG-4.1, o trazado da senda discorrerá paralelo ao pé do noiro da continuación da autovía do Salnés, para rematar na glorieta inferior do enlace. Tal e como destacaron dende o ente autonómico, esta solución permite evitar o paso polo enlace da glorieta, acadando unha maior seguridade viaria. A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.

Tamén se levarán a cabo diferentes actuacións complementarias, a través das que se dotará a zona de iluminación pública, co obxectivo de garantir a seguridade dos usuarios, así como canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, e tamén se reporán os servizos afectados. No que respecta á calidade paisaxística, dotarase ao espazo de xardineiras que se colocarán no treito paralelo á PO-504.

TRÁFICO E PATRIMONIO. Se ben as obras da senda peonil comezarán no verán, unha época de alta densidade de tráfico aparellada á xa de por si alta densidade que soporta a vía ao longo do ano, a execución das obras afectará mínimamente á circulación, polo que se manterá o tráfico na zona cunha serie de medidas que contemplan sinalizacións e obstáculos na calzada para indicar o corte dalgúns dos carrís.

Neste caso, segundo o proxecto de obra, ordenarase a circulación en sentido único alternativo chegando a ocasionar algunha demora, sinalando as prohibicións de adiantamento, avisos e limitacións da velocidade.

Por outra banda, segundo consta no proxecto, a contorna de protección de O Vinquiño, reflexada no Plan Xeral de Ordenación Municipal e no Plan Básico Autonómico, non sufrirá incidencias de ningún tipo. Deste xeito, no caso de ser necesario realizar algunha ocupación temporal para instalacións auxiliares ou zonas de materiais, estas levaranse a cabo fóra dos ámbitos de protección cultural.

Esta intervención, que está aparellada a outras realizas ou que están sendo proxectadas na comarca do Salnés nas estradas PO-549, PO-302, PO-306 e PO-307 para camiñar de xeito seguro entre Cambados, Vilanova, Vilagarcía e A Illa de Arousa, forma parte do Plan de Sendas de Galicia no Salnés, que conta cun investimento global de 12 millóns de euros, e co que a Xunta acadou xa o desenvolvemento duns 21 quilómetros de itinerarios peonís en total, aos que agora se sumará Sanxenxo.