Sanxenxo e Vilagarcía programan ‘autocines’ de Nadal na Praza do Mar e Fexdega

▶ En Sanxenxo a cita será este sábado coa proxección de ‘Clifford, el perro rojo’, mentres que en Vilagarcía comezará o día 23
En Sanxenxo la cita tendrá lugar en la Praza do Mar. DAVID FREIRE
photo_camera En Sanxenxo a cita terá lugar na Praza do Mar. DAVID FREIRE

Os autocines de Nadal chegan este mes a Sanxenxo e Vilagarcía dentro das respectivas programacións de cada municipio para estas datas. No caso de Sanxenxo, a cita terá lugar este sábado, 10 de decembro, coa proxección da película Clifford, el perro rojo na Praza do Mar.

A entrada ao recinto dará comezo unha hora antes do inicio da película e será gratuita, nun espazo que contará cunha gran pantalla de 15x10 metros e tamén con distintos postos de flocos de millo, bebidas, crêpes, e gominolas, coas que se poderá acompañar o visionado da película.

O espazo estará controlado por acomodadores, que irán ubicando os vehículos dentro do recinto. Unha vez que os asistentes estén situados na praza que se lles asigne, deberán sintonizar a radio no dial de FM 87.5 para poder oír a película. Cando esta comece, non estará permitido baixar do coche e, se isto fora preciso, haberá que chamar previamente ao acomodador mediante as luces do vehículo.

Durante os vindeiros días, a Concellería de Cultura continuará coas actividades da súa axenda de eventos, co obxectivo de encher de actividade o municipio nestas datas. A seguinte actividade terá lugar o domingo, día 11, na Sala Nauta, que acollerá un novo obradoiro de manualidades pensado para nenos de entre cinco e 12 anos, entre as 11.00 e as 14.00 horas, onde poderán fabricar adornos de Nadal. Pola tarde, ás 17.00 horas, a Praza de Pascual Veiga acollerá un espectáculo de maxia, e ás 19.00 horas a Coral Polifónica de Santa María de Adina actuará no tradicional Festival de Panxoliñas no local de Usos Múltiples de Portonovo.

VILAGARCÍA. No caso do Concello de Vilagarcía, continúa incrementando a súa oferta de lecer no Nadal, á que incorpora unha nova edición do autocine no aparamento posterior de Fexdega. Será todos os venres das tres semanas principais das vacacións (23 e 30 de decembro e 6 de xaneiro). As proxeccións comezarán ás 20.00 horas, pero recoméndase que os asistentes cheguen con suficiente antelación para aparcar e tamén para sintonizar os seus aparellos de radio, aos que chegará o son da película. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, pero deberá facerse u nha reserva previa a través da plataforma Vivetix.

As sesións comezarán coa proxección de Los Elfkins o día 23, seguida de Clifford o día 30, e de El regreso de Mary Poppins o día 6. Previamente proxectarase La invención de Hugo na Praza da II República de xeito complementario o día 17.