A oficina de Medio Ambiente de Vilalonga acollerá unha charla sobre compostaxe

Ao remate da cita repartiranse os composteiros individuais cedidos por Sogama e as persoas beneficiarias recibirán unha serie de visitas durante o primeiro ano para supervisar o correcto funcionamento
Isla de composteros. DS/ARCHIVO
photo_camera Isla de composteros. DS/ARCHIVO

O Concello de Sanxenxo dará comezo á formación das participantes no programa de compostaxe individual cunha charla que terá lugar este mércores, 30 de novembro, na oficina municipal de Medio Ambiente, en Vilalonga, a partir das 19.00 horas.

A charla está destinada principalmente ás persoas participantes no programa, pero tamén estará aberta ao público xeral interesado na compostaxe. Na formación abordarase o proceso da compostaxe, os materiais que se poden botar no composteiro, a montaxe e manexo dos mesmos e os seus beneficios ambientais, así como a importancia da separación en orixe dos residuos domésticos e a reciclaxe dos mesmos. 

Ao remate da cita farase o reparto dos 64 composteiros individuais cedidos por Sogama entre as persoas que realizaron a solicitude previamente na oficina de Medio Ambiente e que foron seleccionadas, atendendo a varios parámetros como tipoloxía de vivenda, ou o número de persoas en cada casa. As persoas beneficiarias que conten cun composteiro individual recibirán posteriormente unha serie de visitas durante o primeiro ano para asegurar o correcto funcionamento da iniciativa.

Segundo os datos do Goberno local, cada composteiro individual repartido en Sanxenxo daralle de media servizo a 3,3 persoas diariamente e a 2,2 de xeito ocasional, tratando un total de 642 quilos de biorresiduos ao ano.