"O obxectivo é que os arroces e a cociña do Gran Talaso sexan unha referencia"

▶ O Gran Talaso Hotel Sanxenxo inaugurou a súa VIII Semana Gastronómica do Arroz co chef José Antonio Álvarez aos fogóns ▶ Novas e singulares receitas e os produtos do mar marcan esta edición
O chef José Antonio Álvarez durante a preparación de catro tipos de arroces este mércores. DAVID FREIRE
photo_camera O chef José Antonio Álvarez durante a preparación de catro tipos de arroces este mércores. DAVID FREIRE

"Queremos dar a coñecer a nosa restauración e que os arroces e a cociña do Gran Talaso sexan unha referencia". Este é o obxectivo que se marca o recoñecido chef José Antonio Álvarez para a VIII Semana Gastronómica do Arroz, que comezou este mércores no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, e que se prolongará ata o vindeiro 6 de xullo no restaurante do establecemento, cunhas vistas privilexiadas á praia de Silgar. Cos ingredientes da localización e a materia prima, Álvarez teno claro: "os arroces son o noso punto forte, aparte do peixe. A nosa cociña é moi ampla", di.

Degustación de arroces este mércores no Gran Talaso Hotel Sanxenxo. DAVID FREIRE
Degustación de arroces este mércores no Gran Talaso Hotel Sanxenxo. DAVID FREIRE

E é que, con respecto a unha demanda e un interés crecente polos arroces do Gran Talaso, admite, "aquí hai domingos que, sen ser xornadas de arroces, paréceno". Conta isto logo de sacar dos fogóns catro tipos de arroces que conquistaron o padal dos asistentes a esta primeira xornada, como foron o arroz abanda, o arroz meloso de pato, setas e fabiñas, que é "todo un clásico da cociña valenciana", o arroz de polbo e vieiras e, moi especialmente, o arroz negro de chocos, un dos máis comentados e saboreados da degustación que tivo lugar a primeira hora da tarde, regada por albariño escumoso Valtea. Dende este momento, e ata o final da Semana Gastronómica, o modus operandi consistirá en dez propostas que se combinarán cada día. "Arrincamos con tres arroces e cada día cambio dous, polo que a xente que veña poderá elixir dentro desas tres propostas", conta o chef, que non dubida do triunfo dos produtos do mar, que son "a estrela" dos seus arroces. Aínda así, non perde de vista a innovación. "Sempre hai que sacar algunha cousa arriscada, dentro dun contexto. Non é o mesmo tomar un arroz de matanza na serra de Murcia un día de inverno que no mes de xullo aquí enriba do mar, que convida moito máis aos produtos do mar", di. Fala da proposta máis innovadora desta Semana Gastronómica, que é o arroz de orella de porco e gambóns, toda unha aposta "polo arroz de matanza, quixen combinar mar e montaña, é un pouco arriscado pero eu teño traballado este tipo de arroces de matanza, e co gambón procuramos traelos aquí, para presentarllo á xente dun xeito máis suave", explica.

Degustación de arroces este mércores no Gran Talaso Hotel Sanxenxo. DAVID FREIRE
Degustación de arroces este mércores no Gran Talaso Hotel Sanxenxo. DAVID FREIRE

Outras apostas coma o arroz de ibéricos e setas, o arroz mariñeiro con nécoras ou o de calamares e algas súmanse tamén a unha elaborada carta arroceira que non deixará a ninguén indiferente nos vindeiros días, grazas á ampla bagaxe do chef, tamén xefe de cociña do Gran Talaso Hotel dende o ano 2020. "Antes diso traballei nunha arrocería na Toxa, pero moita da miña aprendizaxe no eido do arroz débolla a estar ao carón de arroceiros valencianos que viñan facer xornadas, eles mesmos viñan moitas veces arriscando", di. En canto aos favoritos do público, teno claro: abanda, arroz de polbo e vieiras, e bogavante "en ocasións máis especiais".

A Carta
Como se pode reservar?
A carta desta VIII Semana Gastronómica do Arroz no Gran Talaso Hotel Sanxenxo está composta por dez propostas: arroz meloso de rape e moluscos, arroz de galo de curral, arroz negro de chocos, arroz de polbo e vieiras, arroz de orella de porco e gambóns, arroz de ibéricos e setas, arroz meloso de pato, setas e fabiñas, arroz abanda, arroz mariñeiro con nécoras e, por último, arroz de calamares e algas.

Todos eles irán rotando cada día e poderanse escoller dentro dun menú que consta dun entrante, un arroz, un postre, auga e unha copa de escumoso Valtea, cun prezo de 31 euros por persoa. O menú está dispoñible en horario de comidas e ceas e as reservas poden facerse no teléfono 986 69 11 11.