O Nadal perfílase medio ano antes: "A Vilalonga vana ver dende Vigo"

▶ Os Cruceiros, a asociación que está detrás da cita que xa se converteu na ilusión de toda unha parroquia, traballa para ampliala nesta edición a todo o mes de decembro ▶ A entidade beneficiaria será Bicos de Papel e, entre as grandes novidades, haberá "un pequeno Vilalonga" na Praza Pública
 
Os e as responsables de facer realidade o Nadal de Vilalonga, tras unha reunión no Usos Múltiples da parroquia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os e as responsables de facer realidade o Nadal de Vilalonga, tras unha reunión no Usos Múltiples da parroquia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Comezou coma unha excusa para que "as meniñas saíran a bailar" durante tan só unha xornada e, pouco a pouco, conquistou o corazón dos vilalongueses, impregnando de espírito festivo todo Sanxenxo e sumando días e actividades progresivamente. Pero, este ano, o xa coñecido Nadal de Vilalonga dará o paso definitivo: ampliarase a todo o mes de decembro.

Para iso, é preciso que a asociación organizadora, Os Cruceiros, poña os lentes navideños aínda ás portas do verán, e comece a pensar en elfos, bastóns de caramelo, agasallos e panxoliñas incluso cando o que pide o corpo é unha xornada de praia ou un refresco. Pero a paixón polo Nadal de Vilalonga é moito máis forte, e conseguiu mover a case unha vintena de persoas que xa se están a manter reunións no cuartel xeral do Nadal vilalongués, o Usos Múltiples da parroquia. De feito, moitas das novas atraccións festivas deste ano xa están pechadas. "Xa temos moitas cousas preparadas e adiantadas, por exemplo como imos escoller ao pregoeiro deste ano. A verdade é que hai ideas moi boas para que todo o pobo participe", asegura a presidenta de Os Cruceiros, Marta Caneda, quen ten totalmente claro o alcance desta renovada iniciativa. "Sabes que pasa? Que a Vilalonga vana ver dende Vigo", asegura. E os compañeiros e compañeiras de organización asinten a ocorrencia sorrindo. "Hai que botarlle fantasía ao tema. Xa que a Vigo veno dende Nova York, a Vilalonga verana dende Vigo", ri.

Deste xeito, avanza Caneda, "o decorado vai ser o mellor de todo, evidentemente vai ter cousas navideñas, pero queremos facer un pequeno Vilalonga dentro da Praza Pública, con lugares significativos coma o Pazo do Revel, as chemineas da fábrica de ladrillo, a capela de Gondar ou A Telleira", conta. E, ademais disto, durante todo o mes haberá novas actividades coma a adicada a cativos que conducirá a actriz Atenea, a presenza dos Grovemakers de O Grove no mercado de Nadal, a implicación das Mulleres Rurais para levar a cabo un curso de centros do Nadal e, como prato forte, un concerto. O primeiro venres terá lugar o acendido da praza "con toda a iluminación que van instalar os electricistas de Vilalonga", entre outras moitas iniciativas que, como cada ano, terán de fondo unha boa causa, como é doar a recaudación a unha entidade beneficiaria que este ano xa ten nome: Bicos de Papel. "Fan moitas cousas nos hospitais, sobre todo cos nenos e nenas, para facer a súa estancia máis levadeira", lembra Caneda.

IMPLICACIÓN. Facer partícipe a toda a veciñanza desta celebración é unha das máximas do colectivo e, por iso, nesta edición crearán unha campaña a través das redes sociais "dirixida máis ben aos netos, para que animen a participar aos seus avós e avoas", explica a presidenta de Os Cruceiros. Ademais, o apoio das asociacións é fundamental para que todo saia adiante. "Contamos coas Mulleres Rurais, que sempre son as que nos botan unha man, pero este ano queremos implicar a algunha asociación máis e entidades coma Cerámica Campo, para aspectos coma o decorado da praza", nunha edición que, de seguro, dará que falar.

Os Cruceiros:
40 anos, 40 socios
A asociación Os Cruceiros suma uns 40 anos en activo e, actualmente, medrou ata acadar os aproximadamente 40 socios e socias. Ademais de organizar o Nadal de Vilalonga, desempeña unha valiosa labor no eido da difusión da cultura tradicional galega, integrando grupo de gaitas, grupos de baile infantil e xuvenil con oito alumnas cada un, e outro grupo de adultos, cunhas 12 participantes, que medrou exponencialmente nos últimos tempos. "Estamos encantados coa cantidade de xente maior que se anotou a baile, temos un grupazo", asegura Caneda.