O Nadal xa está a toda máquina en Sanxenxo

▶ A Rúa dos Viños de Portonovo inaugurou este mércores o seu calendario de actividades cun mercado artesán e obradoiros infantís 

▶ A aldea de Nadal de Vilalonga reuniu a 300 persoas na andaina solidaria, mentres que continúa a programación en Sanxenxo e Noalla

Inauguración do Nadal na Rúa dos Viños este mércores. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Inauguración do mercado de Nadal na Rúa dos Viños este mércores. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Rúa dos Viños de Portonovo deu este mércores o empurrón definitivo a toda unha ambiciosa programación de Nadal que xa se atopa a toda máquina no concello de Sanxenxo, e que non pensa parar ata ben entrado o mes de xaneiro, da man do Concello e dos colectivos. Decenas de familias acudiron á inauguración da programación impulsada pola asociación da emblemática rúa portonovesa, que estreou pasadas as 19.00 horas en Méndez Núñez a súa particular decoración, acompañada por petiscos para os asistentes e por un mercado artesán no que o comercio local da vila é o protagonista, e que estará operativo ata o vindeiro domingo.

Inauguración do Nadal na Rúa dos Viños este mércores. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Inauguración do mercado de Nadal na Rúa dos Viños este mércores. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Durante a xornada deste mércores comezaron tamén, cun grande éxito entre a cativada, os obradoiros de Nadal que se realizarán ao longo desta semana, e que na súa primeira sesión tiveron como protagonista a cociña temática destas datas, e que dará paso este xoves ao obradoiro de adornos de Nadal con Moni Crochet, seguido de ‘Dulceros’ con Enxebre Concept Sotore (sábado 10) e cociña con Sandra Estévez (domingo 11), todos eles a partir das 18.00 horas.

FOTO: JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Multitudinaria resposta en Vilalonga
A aldea de Nadal de Vilalonga deixou esta fin de semana unha singular estampa de Nadal grazas ao multitudinario respaldo da veciñanza ás actividades programadas e ao mercado.


Portonovo continuará acollendo actividades durante as vindeiras semanas, cun sorteo o día 23 a partir de todas as cartas que se recollan para entregarlle a Papá Noel, un contacontos o día 26 e as precampanadas o día 31 a partir das 13.00 horas, con queima de desexos ás 19.30. Durante a tarde do día 8 terá lugar unha sesión de xogos tradicionais e unha chocolatada, pechando un programa no que tampouco faltará a música nin o tradicional muro dos desexos, que estará operativo ata o día 31.

MÁIS SOLIDARIOS. As luces de Sanxenxo, que levan acendidas dende o pasado sábado, así como os diferentes elementos decorativos dispostos polas parroquias fixeron as delicias dos asistentes a unha festa de inauguración impulsada por Entretendas, e que coincidiu tamén coa apertura da aldea de Nadal de Vilalonga, que o pasado domingo pechou unha segunda edición de récord a nivel solidario, acadando a participación de 300 persoas que adquiriron un dorsal para a andaina solidaria que se levou a cabo pola mañá en favor da Asociación Española Contra o Cancro de Sanxenxo, e que supuxo contar con 100 participantes máis que na primeira edición que tivo lugar o ano pasado.

FOTO: JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O centro énchese de luz con 406 elementos
As rúas de Sanxenxo locen desde esta fin de semana un alumeado festivo que está a chamar a atención dos veciños e visitantes que acuden ao centro a facer as súas compras e a pasear.


O Bosque de Nadal de Noalla, que vén de cumprir as súas primeiras 24 horas en activo gozou dun notable éxito de asistencia na primeira xornada do martes, con centos de persoas que se achegaron a coñecer a novidosa programación a cargo da asociación xuvenil A Esmorga. As actividades, o bosque e o mercado continuarán activos ata a primeira semana de xaneiro, e a próxima cita é unha festa infantil con hinchables o día 17. Mentres, a programación do Concello, que este mércores amosou tamén a súa cara máis solidaria cun Bingo en colaboración coa asociación Neen@s, Banco de Alimentos do Salnés, Cáritas, a AECC e a Asociación Peludos Invisibles, continúa este xoves coa visita do Trasno Fantástástico á Sala Nauta dende as 16.30 horas.

FOTO: DAVID FREIRE
Noalla Maxia na carballeira
O Bosque de Nadal de Noalla continuará activo ata o remate das festividades cunha chamativa proposta: que as familias apadriñen unha árbore para iluminalas cos nomes dos cativos.