Leiro: "Telmo Martín precisou menos de 100 días para subir o seu soldo e os impostos"

Leiro criticou a expulsión da oposición dos consellos de administración das empresas públicas de Sanxenxo a comezos de mandato, coma "unha medida sen precedentes"

Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS
photo_camera Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS

O voceiro do BNG de Sanxenxo, Francisco Leiro, fixo balance dos primeiros 100 días de Goberno do PP, que tiveron como resultado, segundo valoraron dende o grupo nacionalista, "un concello menos transparente, menos servizos, máis impostos para os veciños e mellores soldos para os que gobernan". Así, lembrou, "Telmo Martín precisou menos de 100 días para subir o seu soldo e os impostos, apenas tres meses despois de que iniciase a súa nova etapa como alcalde". Un "máis do mesmo, unha política de ladrillo e cemento que aboca á veciñanza a verse privada de prestacións de primeira necesidade e a ter que afrontar recibos máis elevados, que suben ao mesmo ritmo que as nóminas dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular", reiterou, lembrando que no seguinte Pleno ordinario Sanxenxo aprobará unha suba do IBI e do Imposto de Vehículos de Tracción Motora, que serán "dos máis elevados da contorna e da comarca do Salnés".

Nesta liña, Leiro criticou "o peche a partir de outubro do Servizo de Emerxencias, lembrando que "o PP prometeu en campaña electoral a baixada de impostos e a mellora de servizos, facendo xusto o contrario, cun incremento do salario do 18% para o equipo de goberno e uns custes que practicamente chegan aos 400.000 euros".

A maiores, criticou tamén o comezo de mandato, cun "ataque flagrante á transparencia por parte de Telmo Martín, quen decidiu expulsar á oposición dos consellos de administración das empresas públicas de Sanxenxo (Nauta, Ínsula e Turismo de Sanxenxo), unha medida sen precedentes", sobre a que "a día de hoxe seguimos sen saber as razóns polas que non quere que a oposición poida facer achegas ou saiba de que xeito vai xestionar os cartos das veciñas e veciños do concello".

TEMPADA DE VERÁN. Leiro calificou a última tempada de verán coma "a peor da historia de Sanxenxo". Así, explicou, "nestes 100 días tamén se constatou, dunha vez, a incapacidade do equipo de Goberno para afrontar a tempada de verán". Así, dende o BNG quixeron facerse eco "das queixas formuladas por numerosos comerciantes, que denuncian o estado de abandono e a suciedade nas rúas, ás que hai que sumar os peores problemas que se recordan en canto a seguridade nocturna e tráfico".

"Por se fose pouco", lamentou Leiro, "o Goberno local tamén esqueceu por completo o rural, que está cada vez máis abandonado". Neste sentido, valorou "moito nos tememos que este é só o comezo de catro anos nos que a política de cemento do señor Martín fará de Sanxenxo un concello que, pola súa incapacidade, non está á altura do que merece", criticou. Nesta liña, o voceiro do BNG sanxenxino comprometeuse a "seguir vixiante e co noso labor de fiscalización dende a oposición, facéndonos eco das necesidades e preocupacións dos veciños e veciñas de Sanxenxo".