Dende o estudio da Lanzada ata o Resurrection Fest

O Grupo Kaleikia deuse a coñecer por sacar o álbum Oileán Fada, traballo no que os temas levan o  nome das parroquias de Sanxenxo 
Imaxe do grupo Kaleikia ao completo. DS
photo_camera Imaxe do grupo Kaleikia ao completo. DS

Kaleikia, en referencia a Kalláikia/”Kalleikia”, apelativo co que os gregos bautizaron a Galicia, é un grupo de rock instrumental que naceu en 2017 en Sanxenxo. Os seus compoñentes, Manu Kölmel (batería), Manu Méndez (guitarra), Pilar F. Yuste (piano) e Pablo Senra (bajo) son xa uns referentes culturais no seu pobo e agora buscan traspasar fronteiras coa súa música.
Déronse a coñecer por sacar o seu primeiro traballo, titulado Oileán Fada, que está composto por dez temas dos cales sete levan o nome das parroquias de Sanxenxo.

Queriamos dar a coñecer o Sanxenxo que non todo o mundo coñece

A idea xurdiu "como unha broma" dende o seu estudo, que goza de vistas directas á capela da Lanzada. "Un día dixemos: iso parece un temporal. Pois imos facer un tema de como os cormoráns se agochan nos temporais". E é que o seu pobo significa para eles "o que non significa para nadie máis. Queriamos dar a coñecer o Sanxenxo que non todo o mundo coñece". 
Polo de agora tocaron teito participando no Resurrection Fest, mais no horizonte desta banda está chegar a "festivais como o SonicBlast" ou colaborar con grupos referentes para eles como "Tundra ou Elder", e tamén "que nos colla un produtor e nos leve por España e Europa adiante".

FUTURO
Os catro compoñentes de Kaleikia non paran, e xa teñen entre mans o que será o seu segundo disco, que agarda ver a luz na tempada primavera-verán do vindeiro ano. "Queremos expandir os horizontes contando historias reais vividas por nós arredor do mundo". O certo é que este segundo traballo do grupo promete emocións fortes, pois tal e como explica Pablo, un dos temas fala sobre como "o mono do tío de Manu ía montado na vespino e íase por Meaño de cuncas".