Un cento de colectivos esixen a restitución da custodia a favor dunha nai de Sanxenxo

As asociacións e entidades asinantes do documento, procedentes de todo o Estado e de toda Galicia, veñen de rexistrar a queixa, coa intención de presentala ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
El Juzgado de Cambados acogió el pasado miércoles dos vistas del caso. GONZALO GARCÍA
photo_camera El Juzgado de Cambados acogió el pasado miércoles dos vistas del caso. GONZALO GARCÍA

Ata case un cento de asinantes, entre asociacións, organizacións e mulleres a título persoal, é a cifra que o Colectivo Feminista de Pontevedra contabilizaba onte en base ao documento en apoio a unha nai de Sanxenxo á que a Audiencia Provincial retirou a custodia do seu fillo e filla de dez e sete anos de idade. Os colectivos asinantes, entre os que se atopan, entre outros a nivel estatal, a Asociación de Mujeres Separadas y Divorciadas del País Valencià, a Coordinadora Feminista de València, Asamblea 8M Alicante, a Asociación contra la violencia de género Damos la Cara de Motril (Granada) ou Brilla Illes Balears, e outros colectivos a nivel galego coma a Plataforma Feminista de Galiza, a Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo, a Asociación de Mulleres do Val Miñor Aérea Loira, Marea Feminista de Nigrán, Tamborililás Batukada Transfeminista - Compostela ou O soño de Lilith, denuncian a "violencia institucional" da que son vítimas tanto a muller coma os seus fillos, e veñen de rexistrar a queixa, coa intención de presentala ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Tal e como lembra o documento, "o pasado 10 de xaneiro, axentes da policía autonómica presentáronse na porta do colexio de Ferrol ao que asisten a menor e o menor, para levarllos e entregarllos ao proxenitor co que non convivían, sen avisar previamente á nai", atendendo a un informe do IMELGA que, segundo os colectivos que denuncian a situación de violencia, "desprega todos os argumentos do SAP e conclúe recomendando ‘terapia de castigo’".

"Tanto o Xulgado de Primeira Instancia número dous de Cambados como a AP de Pontevedra, ditaron resolucións que están influenciadas polo imperio do patriarcado, que é quen impón as directrices normativas, baseadas na orde social que mantén os valores masculinos nunha posición de poder e privilexios, creándose estruturas xerárquicas nas que a desigualdade do poder responde o dominio dos homes", valoraron os colectivos, que agora esixen "que os menores volvan convivir coa nai" e instan ao Ministerio Fiscal "para que inicie de oficio o procedemento oportuno para defender o verdadeiro interese superior da filla e do fillo, que non é outro que o de preservar a súa integridade física e moral, respectar a súa vontade libremente expresada de convivir coa nai e favorecer o seu benestar físico e o seu normal desenvolvemento psíquico e emocional nunha contorna segura e libre de violencias", manifestaron.

ESCOITAR AOS MENORES. Os colectivos asinantes lembraron tamén a través do manifesto que "non foron  oídos nin o fillo nin a filla, ignorando o art. 92 do CC, modificado pola L. Ou. 8/2021, do 4 de xuño, de protección da infancia e a adolescencia fronte á violencia e que prohibe expresamente a aplicación do SAP. Non se tivo en conta a denuncia que a nai presentou contra o pai por violencia de xénero, actualmente en trámite, nin a que presentou por violencia contra o fillo e a filla", aRgumentaron, lembrando que "todas as denuncias que a nai presentou contra o pai por violencia sobre o fillo e a filla, foron arquivadas sen investigarse".

Neste sentido, manifestaron, o Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW) "vén denunciando nos seus informes a aplicación polos xulgados españois do SAP, mostra da presenza de estereotipos na xustiza e do seu impacto na discriminación das mulleres".