O BNG de Sanxenxo critica o retraso do Plan de Prevención de Seguridade das Praias

Fran Leiro afea que o Goberno local o plantexe dous anos tarde e en pleno mes de agosto
O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O voceirodo Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo, Fran Leiro, criticou a tardanza por parte do Goberno local á hora de facer realidade a aprobación dun Plan de Prevención e de Seguridade de Praias.  Segundo o BNG trátase dun "documento de vital importancia"  xa que garante a análise e o estudo das características, peculiaridades, riscos e métodos de actuación a aplicar nas zonas de baño de 18 areais do municipio. Este plan tamén determina a coordinación de operativos de rescate en situacións de emerxencia. No último Pleno Ordinario, celebrado o pasado 31 de xullo, o alcalde Telmo Martín, presentou a proposta. "Non entendemos como é posible que Sanxenxo careza dun documento tan importante e crítico para garantir a seguridade dos e das bañistas das praias, nin que se leve a Pleno con case dous anos de retraso e practicamente en pleno mes de agosto", denuncia Leiro.

O líder dos nacionalistas de Sanxenxo lembra que foi o 29 de outubro de 2021 cando o Diario Oficial de Galicia emitiu a resolución da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través da cal a Xunta de Galicia anunciaba que xa se podía proceder á aprobación deste tipo de plans. "Estamos a falar dun documento moi necesario, dunha importancia crítica, xa que nel se recollen as características das praias, as condicións de baño, os análises de posibles riscos e procedementos de actuación en caso de operativos de rescate", comentou Fran Leiro. Ademais, incidiu no feito de que no propio anuncio do DOG xa se recalca a importancia de que o devandito plan sexa revisado antes do inicio de cada tempada estival. "En cambio, en Sanxenxo temos que agardar a agosto de 2023 para aprobalo, sen que o Goberno local explique as razóns desta tardanza. Nin sequera foron quen de levalo a Pleno durante a primavera", lamentou Leiro.

O BNG votou a favor da aprobación do plan, dada a súa importancia, pero rexeita a maneira de proceder do alcalde. "Ao señor Telmo Martín gústalle moito presumir de bandeiras azuis, pero a súa xestión non está á altura dun concello turístico da importancia de Sanxenxo. Novamente o alcalde demostra que o único que se lle dá ben é o cemento; a súa xestión dos servizos é deficitaria e iso o que fai é empeorar a calidade de vida da veciñanza", concluíu Leiro.