O BNG de Sanxenxo acusa ao PP de "sacar proveito" da súa maioría coa subida dos salarios

O BNG salientou tamén unha "preocupante redistribución das áreas, eliminando contidos a cada unha delas"
Foto grupal dos membros do BNG de Sanxenxo. DS
photo_camera Foto grupal dos membros do BNG de Sanxenxo. DS

O BNG de Sanxenxo criticou a subida salarial dos membros do equipo de Goberno liderado por Telmo Martín, manifestando que a maioría absoluta ten como "consecuencia negativa para as arcas públicas" unha subida salarial de "case 40% con respecto ao Goberno do ano 2015, do que o BNG formou parte dentro dunha coalición alternativa, e un 18% con respecto ao último mandato do actual alcalde". 

Para os nacionalistas, trátase dunha "desproporcionada subida", con salarios "diferentes en función do concelleiro", e dos que "57.600 euros son para as retribucións do propio alcalde, que se adxudica unha dedicación parcial para facer compatible a súa atención ao municipio coas ausencias recorrentes que lle garanten atender as súas actividades empresariais", afearon. Neste sentido, valoraron, "chama a atención determinadas áreas de concelleiros más veteranos que están premiadas cunha maior subida salarial, pero cunha considerable perda de contido e traballo nas áreas que desenvolvían anteriormente, con contías entre os 41.600 euros e os 32.600 en áreas de dedicación parcial". Así, criticaron tamén a partida destinada "á Xefatura de Prensa", que consideraron "moi por riba da media que percibirán a meirande parte dos membros do Goberno".

Ademais de criticar o cambio do horario dos Plenos, que "dificulta a conciliación laboral dos membros da oposición", o BNG salientou tamén unha "preocupante redistribución das áreas, eliminando contidos a cada unha delas, de xeito que concellarías que antes asumían tres ámbitos quedan agora desprovistas de contidos. Chama tamén poderosamente a atención como desaparece a igualdade na designación da Concellaría", manifestaron, asegurando que se trata dun "erro moi grande facer desaparecer a Igualdade como competencia plena e diluír as competencias do CIM na concellaría de Educación, deixando así Servizos Sociais con menos competencias ca nunca e con moito máis soldo ca nunca".