O BNG reclama a apertura do local de Gondar, pechado por un problema de obra

▶ Trasladou a petición da veciñanza no último Pleno, case un ano despois de rematar os traballos ▶ O Concello aludiu ao escape dun produto
Os edís nacionalistas visitaron este venres o edificio. DS
photo_camera Os edís nacionalistas visitaron este venres o edificio. DS

Case un ano despois de finalizar a obra do local social de Gondar (Vilalonga), o edificio aínda non pode ser utilizado con normalidade polos colectivos e a veciñanza, que pide a súa apertura. Trátase dunha inquedanza da que deu traslado o voceiro do BNG, Francisco Leiro, durante o último Pleno ordinario, preguntando cando se poderá contar con estas instalacións. Sen embargo, segundo explicou o alcalde, Telmo Martín, aínda non se fixou un prazo posto que, a pesar de contar cun convenio coa Asociación Xuvenil de Gondar para o seu uso, un problema na construción do edificio imposibilita a súa apertura, se ben o Goberno local agarda que se resolva "próximamente".

Concretamente, o problema atópase nun material utilizado na construción do teito e que, por causas aínda descoñecidas, desprende un produto que está a deteriorar algúns elementos coma os cristais das ventás do edificio. Neste sentido, o alcalde, Telmo Martín, manifestou que "non estamos contentos de como quedou" unha obra valorada en 250.000 euros, que, se ben ten 12.000 euros de garantía, a empresa responsable aínda non puido atopar a solución.

O voceiro do BNG visitou este venres o edificio acompañado polo edil nacionalista, natural de Gondar, Octavio González, e afeou que as dependencias si se abriron coa ocasión dun mítin do PP na última campaña. "O señor Martín inviste en cemento, sen tan sequera preocuparse de se esa obra vai poder ser utilizada ou non polos veciños e veciñas", manifestou.

Ademais, Leiro reclamou que "existen mecanismos para esixir á adxudicataria que arranxe eses desperfectos en tempo e forma, para iso existe unha garantía", lembrou, manifestando que "o que non imos permitir é que se repitan situacións como a do edificio do Emilia Pardo Bazán, no que se tardaron case dez anos en solucionar os problemas de humidade e filtracións de auga", e lembrou a situación doutros edificos «pechados» coma o Pazo de Quintáns ou o centro de A Telleira.