Ainhoa Fervenza reafírmase ao frente da executiva do PSOE de Sanxenxo

Á asamblea ordinaria presentouse unha única lista con respaldo unánime ▶ Bea Castro, Fernando Otero, Marta Caneda, Ramón Formoso e Carlos Amariles completan a formación
A voceira do PSdeG-PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE
photo_camera Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE

O PSOE de Sanxenxo vén de designar a súa nova xunta executiva de cara as vindeiras eleccións municipais, que reafirma o liderado de Ainhoa Fervenza á fronte da agrupación socialista na secretaría xeral.

Neste sentido, presentouse unha única lista que contou co respaldo unánime dos asistentes, e que estará formada por seis membros. Bea Castro asumirá o cargo de secretaria de organización, Fernando Otero encargarase da secretaría de política municipal, Marta Caneda segue á fronte da secretaría de igualdade, Ramón Formoso continúa na secretaría de administración e Carlos Amariles encargarase da secretaría de acción electoral.

A reorganización, explican, “débese á necesidade de reforzarnos e distribuír mellor as competencias da propia agrupación, sempre co obxectivo de servir ao interese xeral da veciñanza de Sanxenxo”. Dende a agrupación quixeron destacar o feito de ter apostado por unha única lista, o que leva a falar "da unidade e o consenso no PSOE de Sanxenxo". "Trátase dunha nova executiva que conta con antigos militantes e con novas incorporacións do partido, sacando o mellor de cada parte e mesturando a experiencia coa ilusión dun novo proxecto para levar á nosa voceira á alcaldía de Sanxenxo", manifestaron. 

Pola súa banda Ainhoa Fervenza afirmou que “con esta nova executiva, comeza un proxecto ilusionante e de futuro” e mostrouse ambiciosa de cara ás eleccións municipais. “Temos un proxecto, temos ilusión e temos persoas capacitadas para poder facer de Sanxenxo un concello atractivo os 12 meses do ano”, dixo.