A IV Festa da Empanada Mariñeira prevé repartir máis de 1.500 racións dende este sábado

A cita inaugúrase ás 13.00 horas con 18 variedades de produto diferentes, entre as que destaca o produto autóctono, como é o congrio, a raia, a xarda e o peixe porco de Portonovo, e racións que oscilarán entre os tres e os cinco euros
Presentación da IV Festa da Empanada Mariñeira. DS
photo_camera Presentación da IV Festa da Empanada Mariñeira. DS

A IV edición da Festa da Empanada Mariñeira abre este sábado ao público en Portonovo coa previsión de repartir máis de 1.500 racións de ata 18 tipos de empanada diferentes, nos stands que estarán dispoñibles ao público dende as 13.00 horas do sábado e durante a xornada do domingo.

Os prezo oscilará entre os tres e os cinco euros por racións, compostas por singulares recetas de proximidade, como é o caso das empanadas de algas de Cangas, de anguía de Arcade, de berberechos de Carril, de bonito de Burela, ou de choco de Redondela. Por suposto, tamén terá cabida o produto autóctono coma o congrio, a raia, a xarda e o peixe porco de Portonovo, e outros coma a Merluza do Pincho de Celeiro, o mexillón de Galicia, a Navalla da Ría de Pontevedra, e o peixe Espada de A Guarda. As empanadas de polbo de Bueu, de produtos do mar de Muros, vieiras de Redondela, e de zamburiñas de Cambados completarán a oferta.

A maiores, o recinto festivo, emprazado na lonxa de Portonovo, contará con tres exposicións abertas ao público:  unha de fotografía mariñeira a cargo da Asociación Ollares de Portonovo, outra de maquetas de barcos e tamén unha pequena guía de embarcacións tradicionais de Culturmar, todas elas ligadas á tradición mariñeira da vila, nun entorno no que se mesturará tradición, cultura e, sobre todo, gastronomía.

Tamén durante a xornada deste sábado, levarase a cabo un showcooking  sobre A Empanada na Dieta Atlántica, con merluza do Pincho de Celeiro, a cargo de Alfonso Díaz, e outro sobre a empanada mariñeira con selo de PescadeRías, con Mari Carmen Sánchez de Galuriña. Unha vez rematados os eventos, a partir das 19.30 horas, o público poderá gozar da actuación de Raúl & Cía.

O domingo a apertura dos stands realizarase ás 12.00 horas. Nesta xornada, ao mediodía terá lugar unha demostración da maridaxe entre a empanada mariñeira e os viños galegos e unha actuación musical. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, celebrarase o Obradoiro-Concurso familiar Pequeempanada, a cargo de Rocío Garrido, e dirixido a nenos e nenas de 5 a 12 anos, acompañados dun adulto.

A partir das 18.00 horas celebrarase o IV Concurso da Empanada Mariñeira, co obxectivo de poñer en valor o produto gastronómico PescadeRías, con inscrición gratuita e premios para os tres primeiros clasificados. Ás 19.30 horas terá lugar a Xuntanza da Canción Mariñeira e ás 21.30 horas pecharán as instalacións.