A sétima edición deste xa tradicional Encontro de Vespas e Lambretas, organizado pola Asociación Lamvrespas o Grove e enmarcada un ano máis na Festa do Marisco, volveu a congregar a centenares de pilotos e motos das catro provincias que compartiron unha xornada en familia moteira.
Desde primeira hora da mañá abriuse a inscrición da xuntanza nas portas da Casa do Concello, onde as motocicletas permaneceron aparcadas na Praza do Corgo ata as 11.00 horas, momento no que partiu a ruta moto-turística polo Grove.
Tras a ruta, que rematou no punto de partida, as persoas participantes organizaron unha exposición de máis dun centenar de scooters clásicas que fixeron as ledicias dos visitantes.
Tras a mostra, as persoas inscritas gozaron dun petisco ofrecido pola organización, así como do sorteo de numerosos agasallos, e un recoñecemento aos clubs participantes que se achegaron ese día ata o municipio grovense.
“Esta tradicional xuntanza é un motor cultural máis e unha maneira de dar a coñecer a nosa vila entre as persoas afeccionadas ao mundo da Vespa e a Lambretta”, sinalou o alcalde, José Antonio Cacabelos.