A Valedora do Pobo avala a denuncia de EU sobre impedimento de acceso ao Auditorio

O grupo municipal de Esquerda Unida solicitara, en abril de 2022, acceso a todas as salas e dependencias do auditorio e o goberno nunca lles dou resposta nin lles facilitou a entrada ▶ Ano e medio despois, a Valedora do Pobo apoiou a denuncia dos esquerdistas, afirmando que os concelleiros tiñan dereito a acceder á instalación municipal
O candidato de Esquerda Unida, José Antonio Otero. DS
photo_camera José Antonio Otero, voceiro de Esquerda Unida. DS

 Esquerda Unida móstrouse satisfeito coa resolución emitida pola Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, sobre a denuncia do seu grupo municipal a raíz do impedimento por parte do goberno municipal para que os seus concelleiros accederan ao interior do Auditorio-Escola de Música. A Valedora do Pobo destaca nesa resolución a importancia do acceso equitativo por parte dos concelleiros do grupo municipal esquerdista así como a necesidade de resposta eficaz ás solicitudes dos representantes elixidos.

Antecedentes

A denuncia presentada por José Antonio Otero González, voceiro de Esquerda Unida no Concello do Grove, reflectía a preocupación do grupo municipal pola falta de permiso para acceder ao referido auditorio, a pesar de ter solicitado o acceso formalmente por rexistro en abril de 2021.

A resolución da Valedora do Pobo aborda dúas cuestións fundamentais: A falta de resposta por parte do Concello á solicitude de acceso, e a negativa ao acceso ao interior do Auditorio Escola de Música.

Consideracións da Valedora do Pobo

A resolución destaca que, segundo o marco xurídico vixente, as Administracións Públicas deben responder de forma eficaz e celeridade a todas as solicitudes, especialmente as realizadas por representantes electos, como é o caso dos concelleiros de Esquerda Unida. O dereito ao exercicio da función representativa é unha parte fundamental da democracia e debe ser amparada sen limitacións inxustificadas.

A Valedora do Pobo tamén subliña que o acceso ao Auditorio non se pode asimilar ao dereito á información ou documentación, sendo unha cuestión diferente. A negación de acceso pode ter consecuencias negativas para o exercicio da función representativa dos concelleiros e debe estar suxeita a motivos razoables e proporcionados.

Declaracións do voceiro de Esquerda Unida

José Antonio Otero González, voceiro de Esquerda Unida no Concello do Grove, comentou sobre a resolución da Valedora do Pobo: "A pesar de chegar con ano e medio de retraso, estamos satisfeitos coa resolución da Valedora do Pobo, que reafirma o noso dereito como concelleiros a acceder ao Auditorio Escola de Música, así como a calquera outra instalación pública municipal. Esta resolución vén a demostrar que a negación de acceso por parte do Alcalde foi claramente intencionada, co obxectivo de evitar o noso labor de fiscalización e que puideramos observar as deficiencias que existían no auditorio. Unhas deficiencias que foron aflorando co paso dos meses e que, a día de hoxe, seguen sen resolver. Tamén estamos convencidos de que hai máis problemas que se estiveron e se están agochando", explicou.

Conclusión
Esquerda Unida afirma que continuará a traballar para garantir a transparencia e a igualdade no acceso a instalacións municipais, así como para velar polo cumprimento dos dereitos dos representantes electos na súa función de fiscalización. Agradecen á Valedora do Pobo a súa resolución e indican que seguirán a loitar polos intereses das veciñas e veciños do Grove.