O poderío de Fillas de Cassandra pon “a autoestima no ceo” a preto de 5.000 persoas

O binomio vigués fixo tremer a O Grove, “pero non de medo” cunha actuación que enganchou ao público grazas á súa mestura de tradición e ritmos máis urbanos
Actuación de Fillas de Cassandra. DS
photo_camera Actuación de Fillas de CassandraA actuación de Fillas de Cassandra puxo o broche final á primeira fin de semana do Marisco. DS. DS

“Teño tantas ganas de bailar que me desvelo. O meu corpo treme, pero non de medo. O perreo ata baixo. Pero a autoestima no ceo”. É unha das numerosas reivindicacións que Fillas de Cassandra fixo e cumpriu onte no Grove, xa que tamén contaxiou de gañas de bailar aos preto de 5.000 asistentes á súa actuación. 

Con “perreo ata abaixo” cando tocaba e a súa capacidade para colocar a autoestima de todas “no ceo” a través das súas letras cheas de significado e a súa gran capacidade para transmitir ‘bo rollo’ desde o escenario, Fillas de Cassandra foron quen de “desvelar” a O Grove para pechar dun xeito inesquecible o primeiro fin de semana da LX Festa do Marisco.

Chegou e encheu. Nin o feito de ser noite véspera de día lectivo freou o éxito na Carpa concertos do emerxente binomio vigués, recentemente galardoado co Premio á Mellor Música do ano 2022 en Galicia. O dúo composto por María Pérez e Sara Faro puido con todos os condicionantes e enganchou xa desde os seus primeiros versos a un público que tardou en achegarse, pero terminou rendido ao poderío da súa mestura de música tradicional e ritmos máis urbanos.

Antígona foi a canción coa que iniciaron a súa actuación, coincidindo co xeito de comezar do seu disco Acrópole, no que se inclúen a gran maioría dos temas que interpretou a agrupación para terminar de darlle unha pintura de mitoloxía grega metafórica aos seus cantos feministas. Tras ese primeiro tema chegaron Pandora, Dafne ou Eco, cos que o público rematou de entregarse ás cantantes. Aínda que, sen dúbida, Tola o “Varre Vasoira” de Lisístrata ou o peche de Tataravoa foron as cancións máis bailadas nunha noite na que María Pérez e Sara Faro ofreceron a chiscadela definitiva ao público lucindo uns pendentes de centola. Foi un detalle máis dunha actuación tan coidada como poderosa coa que O Grove dixo adeus a un primeiro treito de Festa do Marisco inesquecible e histórico.

Obradoiros artesanais e actuación de Os Firrás para a xornada de luns

Despois do gran inicio de Festa do Marisco, O Grove pausará o seu ritmo neste comezo de semana. Máis aló da actividade habitual nas caixas e stands de venda de produto do mar e na Carpa cafetería coas sesións musicais ás 13.00 e ás 17.00 horas, a Carpa institucional focalizará boa parte da atención coa realización de dous obradoiros.

Pola mañá, de 12.00 a 13.00 horas, Ruxe ensinará a confeccionar pulseiras con cunchas ás persoas que se acheguen e teñan máis de 6 anos. Pola tarde, de 17.00 a 18.00 horas, Bagbooks ofrecerá unha clase de iniciación ao bordado a man.

Pola noite, ás 22.00 horas, será a quenda da Carpa de concertos, que acollerá a actuación da Asociación Cultural Musical Os Firrás. A agrupación grovense interpretará música de todo tipo para que persoas de todos os públicos desfruten dunha boa noite de luns na Festa do Marisco do Grove.