Pedro Blanco reafirma o compromiso do Goberno no Grove cunha inversión de 3,5 millóns

O delegado mostrou o apoio do Goberno para que a Festa do Marisco sexa declarada de Interese Turístico Internacional
Pedro Blanco visitou este martes a LX Festa do Marisco de O Grove. DS
photo_camera Pedro Blanco durante a súa visita á LX Festa do Marisco de O Grove. DS

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou na mañá deste martes as instalacións da LX Festa do Marisco de O Grove onde reafirmou o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co turismo e a cohesión territorial en Galicia, que no municipio meco se traduce en 3,5 millóns de euros de investimento entre os dous proxectos estatais para transformar o turismo dos que forma parte. Por un lado, o programa Sanxenxo-O Grove polos turísticos intelixentes, contou con 1,4 millóns de investimento, mentres que o Plan de Sostibilidade Turística da Mancomunidade do Salnés, no que participa O Grove, conta con outros 2,11 millóns. 

Durante o percorrido realizado polos postos de venda de marisco e peixe, no que estivo acompañado polo alcalde grovense, José Cacabelos, mostrou o apoio do Goberno central para que o evento sexa declarado de Interese Turístico Internacional. “Esta festa conta con todos os ingredientes necesarios para esta distinción e con todo o apoio do Goberno para seguir crecendo como gran escaparate da Ría de Arousa e dos seus principais piares económicos: o turismo e o sector pesqueiro”, explicou. 

Nesta liña, sinalou que “o Concello leva tempo traballando intensamente na elaboración dun expediente amplo e competitivo”, polo que se mostrou convencido de que “a edición do ano 2024 se inaugurará xa con este recoñecemento”.

Para o delegado do Goberno, a Festa do Marisco “constitúe un produto turístico en si mesmo, que é o claro exemplo da desestacionalización do sector nun municipio que demostra que é moito máis ca sol e praia”. Así, puxo de relevo que “turismo e pesca van da man neste evento, que tamén demostra  que a Ría de Arousa é unha das máis produtivas de Galicia”.