O PP do Grove propón máis eventos e a recuperación de bandeiras azuis para potenciar o turismo no municipio

Pablo Leiva advirte dunha "devaluación" da Festa do Marisco e suxire unha "promoción e internacionalización real"
Presentación da candidatura de Pablo Leiva. ARQUIVO
photo_camera Presentación da candidatura de Pablo Leiva. ARQUIVO

O Partido Popular do Grove vén de deseñar unha estratexia coa que pretende poñer en valor "a importancia do turismo para o progreso económico e social da nosa vila, un motor económico que debe funcionar perfectamente engrasado durante todo o ano e non so en determinadas tempadas", polo que propón desenvolver e potenciar máis eventos e coidar os espazos turísticos. 

Neste sentido, o popular Pablo Leiva quixo enxalzar a "extensa oferta de hostelaría, restauración, ocio, comercio, artesanía e cultura local" como "sectores productivos vencellados ao turismo, que deben contar co permanente apoio e respaldo do Goberno municipal para fortalecer a súa competitividade fronte a ofertas doutros concellos do noso entorno". "Debemos consolidar o turismo como fonte de emprego e riqueza continua que permita e aporte a estabilidade económica das familias mecas e por ende permita un progreso estable de O Grove", asegurou.

No que respecta á consolidación da promoción turística na tempada estival, Leiva propón melloras nos accesos e servizos nas praias mecas para a recuperación do distintivo de bandeira azul, a habilitación de novas zonas de aparcamento público acordes á afluencia real de vehículos, o mantemento e reposición de mobiliario urbán, a contratación dos efectivos necesarios para unha correcta limpeza e seguridade nas rúas e espazos públicos de O Grove e a colaboración en todas as melloras necesarias e propostas realizadas por hostaleiros, restauradores, comerciantes e sector da artesanía local.

Suxire unha "promoción e internacionalización real" da Festa do Marisco. "Estamos a ver unha pasividade absoluta por parte do Concello ante a devaluación da nosa emblemática festa do marisco fronte a outras novas ofertas en feiras gastronómicas que se están a multiplicar en distintos concellos de Galicia. É preciso e urxente unha axeitada promoción en foros nacionais e internacionais da festa do marisco que debe recuperar a categoría recoñecida e que lle corresponde por dereito propio", asegurou.

Así, o plan de promoción atópase deseñado con un "amplo abanico" de medios, tanto de presenza en diferentes foros de turismo nacionais e internacionais, como de publicidade en medios de comunicación tradicionais e das novas tecnoloxías.

Leiva tamén incidiu na organización de eventos fóra da temporada estival patrocinados polo Concello en distintas áreas de interese que fomenten e amplíen a oferta turística fora das tempadas tradicionais, coma a organización e patrocinio de eventos deportivos de distintas disciplinas en colaboración coas distintas asociacións e clubes deportivos mecos, a organización e patrocinio de eventos lúdicos en novas tecnoloxías, eventos gamers e relacionados coas novas xeracións e eventos culturais e certames audiovisuais.