O PP elixe a Pablo Leiva como candidato á alcaldía do Grove

Luis López sinala que “é unha persoa moi preparada, dialogante, con grande prestixio profesional e capacidade de traballo, e asume este novo reto con moita ilusión e compromiso
Pablo Leiva xunto a representantes da formación. CEDIDA
photo_camera Pablo Leiva xunto a representantes da formación. CEDIDA

Pablo Leiva será o candidato do Partido Popular á alcaldía do Grove nas municipais de maio. Así o decidiu a xunta local por unanimidade, nunha reunión que mantiveron onte pola noite, e á que asistiu o presidente provincial, Luis López, a secretaria do partido, Luisa Piñeiro, e a coordinadora do Salnés, Paz Lago.

Pablo Leiva, de 51 anos, naceu no Grove, é avogado e onte deu un paso adiante para liderar o proxecto dos populares. Amosou o seu agradecemento pola confianza tanto dos afiliados do Grove como da dirección provincial do partido, e amosouse convencido de que “somos o cambio serio e fiable que necesita este concello”. Aposta por traballar cara a cara cos veciños, na rúa, falando, escoitando e atendendo as súas preocupacións e inquedanzas. “É momento de recuperar a confianza dos nosos veciños. Este concello necesita un impulso, O Grove ten un gran potencial que non se está aproveitando e nós somos a opción fiable para conseguilo”.

Pola súa parte, Luis López subliñou que “é unha persoa moi preparada, dialogante, con grande prestixio profesional e capacidade de traballo e que asume este novo reto con moita ilusión e compromiso”. Pediu a toda a xunta local que nos meses que quedan, aumenten a súa presenza na rúa, “somos o partido da xente porque sabemos escoitar, porque entendemos aos nosos veciños e porque buscamos solucións aos seus problemas”.

É unha persoa moi preparada, dialogante, con grande prestixio profesional e capacidade de traballo

Ademais, amosou o seu “agradecemento” a Beatriz “polo traballo nestes catro anos ao fronte do PP local”, e recordou que “todos seguen sendo imprescindibles no proxecto do Partido Popular. Cada afiliado, cada simpatizante, van ser fundamentais”.