Comeza o GroveMakers cos artesáns e productos locais como protagonistas

Grande Amore, Cruz Cafuné, Maika Makovski, Kula Shaker e Lila Downs, este fin de semana na Festa do Marisco
GroveMakers
photo_camera Momento da inauguración do GroveMakers na carpa da Praza do Corgo. DS

O alcalde, José Antonio Cacabelos, e María López Prieto, concelleira de Promoción Económica, participaron no acto de inauguración da carpa de GroveMakers na Praza do Corgo, outro dos atractivos incluídos na LIX Festa do Marisco. Os GroveMakers son un grupo de artesáns, deseñadores e creadores naturais do Grove ou afincados na localidade, que formaron unha asociación para perseguir obxectivos comúns no mundo empresarial, crear sinerxias e darlle visibilidade ao seu traballo. Todo está baseado na economía circular, sostible, social e xusta.


A carpa, que estará aberta ata o vindeiro 12 de outubro ao longo de todo o día, terá a venda diferentes produtos artesáns dos expositores locais. O alcalde destacou a labor "destes artesáns da zona, que dan mostra dos produtos que nacen no Grove e arredores a través dos seus negocios, e que durante estes días os poderán amosar a visitantes de diferentes zonas de Galicia, España e mesmo Europa".


Actividades para a fin de semana

A Festa do Marisco chega á súa segunda fin de semana, con actuacións de renome como Grande Amore, recentemente galardoado co Premio Martín Códax da Música, Cruz Cafuné, Maika Makovski, Kula Shaker e Lila Downs, que forma parte dos Concertos do Xacobeo.


Durante o sábado tamén terá lugar a regata de dornas 'a vela' e o Concurso de pratos de mexillón 'Amegrove', e o domingo celebrarase a XXII Carreira Popular da Festa do Marisco, a Feira de Oportunidades Grovestock e o Desafío Arousa: regata de dornas 'a remo'.


José Antonio Cacabelos apuntou que “chegamos xa á segunda fin de semana da Festa do Marisco, para a que temos programadas diferentes actividades para todo tipo de públicos, que seguro que volverán a encher O Grove de visitantes chegados desde todas partes”.