Nova polémica sobre os topónimos: A Mesa denuncia que TVE emprega sempre 'La Toja'

A queixa da entidade prodúcese días despois de que a Real Academia Española recomendase o uso de Sangenjo en contra da lei galega e do nome oficial, Sanxenxo 

 Manifestación en A Toxa en 2021. A MESA
photo_camera Manifestación en A Toxa en 2021. A MESA

A Mesa pola Normalización lingüistica denuncia que nos informativos estatais de TVE empregan sempre os topónimos en castelán, ignorando a lexislación autonómica e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo ao respecto. 

A defensora da audiencia de TVE respostoulle a unha cidadá galega que protestou polo uso do topónimo deturpado de A Toxa —La Toja nun programa da canle pública asegurando que, segundo os servizos xurídicos da corporación pública, o nome da Toxa non aparece no rexistro de entidades locais, "pretendendo facer pasar a illa arousá por un concello e obviando que, aínda que así fose, o artigo 10 da Lei de Nornamilización Lingüística (LNL) continúa en vigor".

Según denuncia a entidade nun comunicado, TVE afirma na súa resposta formal á espectadora galega que o seu Manual de Estilo a obriga a ser "especialmente escrupulosa en el respeto a la toponimia conforme a la legalidad vigente", pero defende que "cuando se trate de localidades que poseen oficialmente dos nombres, uno en castellano y el otro en la lengua cooficial, pero ninguno ha sido cambiado mediante una ley de las cortes generales, se deberá emplear el más utilizado por la audiencia, (si es el informativo nacional, se debe usar el castellano) sin que se deba nombrar con los dos nombres en paridad de valor".

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de se dirixir á defensora da audiencia, para informala a ela e aos servizos xurídicos da corporación pública sobre a lexislación aprobada hai case 40 anos, ademais da xurisprudencia do Constitucional e do Supremo, que afirma a plena validez do artigo 10 do artigo da LNL que sinala que los topónimos de Galicia "terán como única forma oficial a galega" e engade que corresponde á Xunta "a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos" da comunidade.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirma que dende a entidade de defensa da lingua "queremos pensar que o uso interesado e errado que os servizos xurídicos e a propia defensora da audiencia fan da lexislación para argumentar a favor da deturpación toponímica non está baseada na mala fe, senón na ignorancia sobre todo canto ten a ver con Galiza, as nosas institucións, as mudanzas lexislativas operadas hai case 40 anos e a xurisprudencia que as asentou". "Esta ignorancia", sentencia Maceira, "é especialmente grave ao se tratar dun servizo público de televisión, dependente do Estado e financiado tamén co diñeiro das galegas e galegos e que debe dar sempre información veraz".

Polémica: a RAE volve recomendar 'Sangenjo'

O comunicado da Mesa ve a luz días despois de que a Real Academia Española reabrise o venres nas redes sociais o debate sobre o topónimo do municipio pontevedrés de Sanxenxo ao recomendar o uso de Sangenjo en contra da lei galega e do nome oficial. 

A polémica volveu ás redes despois de que un usuario de Twitter fixese unha consulta pública á RAE, tras observar o topónimo escrito como Sanxenxo nos rótulos dá a televisión nacional con motivo da visita do rei emérito, Juan Carlos I, ao municipio galego.