Mar, gastronomía, xogos e La Casa Azul enxalzan a Festa do Marisco na súa terceira xornada

▶ Miles de persoas ateigaron a carpa gastronómica e a carpa dos concertos nun dos primeiros días grandes da celebración, no que o mexillón foi o protagonista 
Ambiente na carpa gastronómica. DS
photo_camera Ambiente na carpa gastronómica. DS

A LX Festa do Marisco do Grove continúa o seu éxito imparable, que xa iniciara o venres, no seu primeiro ‘día grande’, e que consolidou este sábado, na que foi a terceira xornada de celebración e a segunda dentro do primeiro fin de semana de festas. Así o corroboraron as miles de persoas, chegadas de máis de 10 países diferentes de todo o mundo, que acudiron novamente a degustar os produtos mecos, ateigando primeiro a carpa gastronómica, que volveu bater récord de tickets dispensados con respecto ao pasado ano, e a carpa musical máis tarde.

Nesta xornada o mexillón cobrou máis protagonismo entre as variedades ofertadas, coa celebración do concurso de pratos elaborados con este bivalvo como produto central. Así, as máis diversas elaboracións modernas e tradicionais desfilaron por unha carpa que previamente xa se ateigara coa apertura das casetas, nas que o polbo, as vieiras ou as zamburiñas volveron ser as estrelas de entre 23 variedades de produtos locais.

Proxección do documental na carpa institucional. DS
Proxección do documental na carpa institucional. DS

A carpa institucional concentrou tamén diferentes eventos programados, coa proxección do cocumental Mulleres do Mar, que tivo lugar durante o mediodía, e que contou coa asistencia de decenas de persoas que puideron asistir tamén ao coloquio posterior. Á mesma hora, a regata de dornas a vela, con arredor dunha vintena de embarcacións participantes, debuxou no horizonte grovense unha particular estampa que se achegaron a admirar algúns curiosos, que puideron gozar tamén da boa temperatura que está a marcar o inicio da festa.

Os xogos tradicionais para nenos e nenas, que contaron cunha boa cifra de asistentes, así coma o concerto de zarzuela, completaron unha xornada pensada para todos os públicos e gustos, que tivo o seu prato forte a última hora. Así, a banda catalana de indie pop La Casa Azul conquistou a carpa musical dende as 23.00 horas, cun concerto que encandilou a todos os asistentes con temas xa plenamente consolidados na escea coma La revolución sexual ou El momento, que levaron ata O Grove tamén a toda unha lexión de fans.

Competición de dornas clásicas. DS
Competición de dornas clásicas. DS

A escea, que xa tivo o seu preludio na noite do pasado venres, cando a música de Leïti Sène, DJ Payca e DJow Trece ateigaron por primeira vez o recinto, incluso se puido superar con creces, deixando claro que esta é unha edición do Marisco que, sen dúbida, pasará á historia.

Está previsto que este domingo sexan Fillas de Cassandra as que tomen a carpa, nunha xornada na que tamén haberá gastronomía, Encontro de Scooters Clásicas, dornas e actividades infantís.