O Grove iniciará en outubro unha etapa de actividades de dinamización lectora

As actividades son todas gratuítas e será necesario realizar unha inscrición previa
Bibliotequeando Concello de O Grove. DS
photo_camera Bibliotequeando Concello de O Grove. DS

O Concello do Grove iniciará na primeira semana de outubro diversas actividades para o fomento da lectura na Biblioteca do Grove e na Axencia de Lectura de San Vicente.

Visitas escolares

O ente local organizará dúas actividades de formación de usuarios/as destinadas ao alumnado de Educación Infantil e Primaria dos centros educativos da vila, que se desenvolverán os luns e mércores de outubro e novembro en dúas modalidades:

- Visita do alumnado ás bibliotecas para a chegar achegar á rapazada ao mundo máxico da biblioteca dunha forma lúdica e divertida, coñecendo de primeira man as instalacións, os fondos e o funcionamento dunha biblioteca. Estas actividades veñen acompañadas dalgunha actividade ou taller relacionado coa animación lectora onde escoitarán contos en diferentes formatos e realizarán actividades relacionadas con ese conto.

- Visita da biblioteca aos centros educativos. Realizaranse nos propios centros educativos, nas súas bibliotecas, e irán acompañadas de actividades ou talleres relacionados coa animación lectora onde se lerán contos en diferentes formatos.

Club de lectura “Café con libros” para persoas adultas

Esta actividade dará comezo o 5 de outubro e reunirá todos os xoves na Biblioteca Municipal a un grupo de lectoras co fin de debater e comentar o mesmo libro, en sesións de una duración aproximada de hora e media nun ambiente distendido, de respecto, pero sobre todo lúdico, creando un clima de esparexemento que convida a divertirse.

Ademais de potenciar a lectura e o coñecemento da literatura, esta actividade pretende facilitar a socialización dos participantes, o crecemento persoal e mellorar a súa calidade de vida dándolles a coñecer a Biblioteca como un equipamento que lles ofrece uns recursos e servizos axeitados ás súas necesidades e intereses e vinculalas a novas contornas, facilitándolles diferentes vivencias e experiencias tales como encontros con autoras e autores, actividades literarias contextualizadas nas propias contornas e o coñecemento da cultura a través de actividades lúdicas. 

Clubs de lectura infantil 

O Concello tamén impartirá actividades de animación lectora que teñen como obxectivo potenciar a imaxinación e a creatividade, ademais de mellorar o léxico e as formas de expresión.  Isto será o Club de lectura, na Biblioteca Municipal do Grove, unha actividade de animación lectora dirixida á rapazada de 8 a 12 anos. Dará comezo o venres 6 de outubro e as sesións terán lugar cada 15 días en horario de 18.30 a 20.00 horas para comentar o libro elixido de lectura. Os nenos e nenas compartirán con outros compañeiros as impresións e emocións xeradas pola lectura dos libros e realizarán diferentes actividades.

Outro dos encontros a realizar será o Club de lectura infantil, na Axencia de Lectura de San Vicente. Unha actividade dirixida á rapazada de 8 a 11 anos que se reunirán todos os luns, desde o 2 de outubro ata mediados de decembro, en horario de 18.30 a 19.30 horas.

Bibliotequeando na biblioteca Municipal do Grove

Trátase dunha serie de citas de animación lectora para a rapazada de 4 a 7 anos que terán lugar na Biblioteca Municipal do Grove todos os venres en horario de 17.30 a 18.30 horas. 

As actividades darán comezo o venres 6 de outubro co obxectivo de chegar a lectura aos máis pequenos dunha forma amena e  divertida para potenciar a súa creatividade e imaxinación.

Hora do conto na Axencia de Lectura de San Vicente

Dirixida á rapazada de 4 a 7 anos, desenvolveranse todos os martes de outubro a mediados de decembro na Axencia de Lectura de San Vicente.
Esta actividade pretende fomentar a creatividade e imaxinación dos mais pequenos para que poidan gozar da lectura e achegarse á maxia dos contos, así como realizar actividades relacionadas coa historia narrada. 

As actividades son gratuítas e, para poder participar nelas,  é necesaria inscrición previa nas propias bibliotecas, no tfno. 986 732 341, no e-mail [email protected] ou nas Redes Sociais.