140 alumnos do IES As Bizocas participan nunha xornada de sensibilización sobre especies invasoras

O Concello de O Grove acolle a celebración da Semana Ibérica sobre Invasoras, con actividades promovidas por Galicia Ambiental, no marco do LIFE Cortaderia
Unha das charlas impartidos nos centros mecos. DS
photo_camera Unha das charlas impartidos nos centros mecos. DS

Preto de 150 alumnos de primaria e secundaria de colexios e institutos do Grove participaron nas charlas de sensibilización na loita contra as especies invasoras, con motivo da celebración da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SEI).

Esta semana realizáronse numerosas actividades organizadas pola Asociación Galicia Ambiental, en colaboración co concello do Grove nesta comarca, dende charlas informativas a escolares ata accións de extracción da invasora Herba da Pampa. Ao longo do luns, martes e mércores, alumnos de 5º e 6 primaria do colexio CEIP Valle Inclán e de 1º e 3º de ESO do IES As Bizocas tiveron a oportunidade de asistir a charlas sensibilizadoras destas especies exóticas invasoras.

Ademais, este venres realizáronse tarefas extractivas da cortadeira na contorna do vial de acceso ao centro urbano de San Vicente, co obxectivo de evitar novas expansións pola península do Grove e a lugares sensibles como Adro Vello e a súa área. Durante a xornada puidéronse extraer máis de medio centenar de plantas (o que equivalería  a máis de 40 millóns de semillas no outono) nos terreos próximos a localidade de San Vicente, a zona dunar e tamén a unha zona cercana ao IES As Bizocas, centro educativo que destacou estes anos por emprender accións continuadas de alto valor para a loita contra especies invasoras e a sensibilización do seu alumnado contra o seu uso. Esta parte da actuación foi especialmente significativa xa que se interviu no regato e a zona dunar anexa, liberada así da presenza da planta e limitada a sua expansión, xenerando un novo “territorio barreira” que agora vai ser rexenerado.

A partir deste verán, e durante o próximos catro anos, no marco de proxecto LIFE Coop Cortaderia, realizaranse extraccións da Herba da Pampa e das súas sementes para evitar a súa proliferación (cada planta pode chegar a producir millóns de sementes).  Esta actuación preventiva realizarase durante o período inicial de floración, antes de que a semente sexa fértil.

Estas faranse desde a zona da Lanzada ata San Vicente do Mar, e de aquí ata a capital municipal polo vial costeiro. Será unha acción sistemática nas contornas das estradas, para evitar a súa expansión na península meca. Tarefa complicada e que deberá manterse no tempo dada a súa presenza masiva en municipios próximos para evitar que se poida volver reproducir. O obxectivo é que, ao acabar o proxecto, O Grove quede libre desta planta invasora e, desta forma, só faga falta facer revisións periódicas para que esta non volva reproducirse.