Alfonso Villares aborda coa confraría as principais necesidades dos profesionais da zona

O conselleiro valorou co presidente de Portos de Galicia as actuacións realizadas nos equipamentos pesqueiros e nas instalacións portuarias
Alfonso Villares durante a súa visita ao Grove na Festa do Marisco. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alfonso Villares durante a súa visita ao Grove na Festa do Marisco. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo este martes un encontro coa confraría San Martín do Grove para abordar a situación do sector marítimo pesqueiro e as principais demandas dos profesionais nesta localidade e a súa área de influencia. O titular de Mar, acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, valorou na xuntanza as actuacións realizadas nos equipamentos pesqueiros e nas instalacións portuarias e analizou cos responsables do pósito a realización de próximas actuacións para a súa mellora.

Durante a visita o conselleiro destacou as actuacións executadas nos últimos meses, coa renovación das defensas de amarres e dos firmes portuarios. Así mesmo indicou que o seu departamento, a través de Portos de Galicia, está a traballar a día de hoxe en diversos proxectos de envergadura. Así ten en redacción o proxecto de reordenación de atraques para crear 226 novas prazas para 3ª, 4ª e 7ª lista. Igualmente, estase a redactar o estudio de alternativas para a ampliación e mellora da lonxa e para a remodelación do porto de Meloxo, cunha mellora de abrigo que permita crear preto dun centenar de novas prazas para a frota mexilloeira.  

A estes traballos hai que sumar outros investimentos a través das diferentes liñas de axuda mobilizadas pola Consellería do Mar e que acumulan 28,5 millóns de euros no municipio meco desde o ano 2009. 

A xuntanza estivo enmarcada na celebración da LX Festa do Marisco do Grove, unha cita declarada de Interese Turístico Nacional que xa é unha referencia gastronómica e na que os produtos pesqueiros e o marisco son os grandes protagonistas. Alfonso Villares salientou a importancia deste tipo de iniciativas na aposta pola comercialización dos produtos das nosas rías que entronca coa política da Xunta de Galicia de promocionalos tanto a nivel local como alén das nosas fronteiras.

Xornadas gastronómicas

O titular de Mar tamén asistiu en O Grove ás XV Xornadas Gastronómicas A Cociña do Mar organizadas pola asociación empresarial Emgrobes adicadas este ano á pota, a raia e a ameixa bicuda. Durante o evento, que conta co patrocinio da Consellería do Mar, tivo lugar unha charla-coloquio sobre as virtudes destes produtos a nivel gastronómico, económico e de saúde así como unha degustación dos mesmos da man de tres cociñeiros locais. Esta iniciativa, que celebrou a súa primeira edición no 2009, busca promocionar os produtos de mar de proximidade co obxectivo de dinamizar a economía local.