A Deputación investirá oito millóns en actuacións no sector turístico na comarca do Salnés

Así o confirmou o secretario de Estado, Fernando Valdés, nunha reunión en O Grove coa Mancomunidade
Secretario do Estado de Turismo en O Grove. DP
photo_camera Visita do secretario do Estado de Turismo ao Grove. DP

A provincia de Pontevedra viviu onte, Día Mundial do Turismo, unha intensa xornada en torno a este sector estratéxico na que o secretario de Estado Fernando Valdés, de visita oficial para celebrar a data, anunciou “un investimento histórico” en distintas actuacións turísticas no territorio. Valdés acompañado da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou na apertura do foro TurisTIC, no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, a posta en marcha dun proxecto de Plataforma de Destinos Turísticos Intelixentes dotado con 130 millóns de euros do que formará parte activa a institución provincial a través da súa integración nun dos grupos de traballo.

Posteriormente, xunto a Carmela Silva, visitou Baiona e O Grove e anunciou alí investimentos que superan os dezasete millóns de euros. Así, a secretaría de Estado investirá nove millóns na vila do Val Miñor, sete deles para a recuperación das murallas do Parador e a instalación de iluminación exterior, amais de dous millóns destinados a plans de sustentabilidade; e máis de oito millóns en actuacións na comarca do Salnés

Investimento no Salnés e Baiona

O secretario de Estado de Turismo desprazouse a Baiona xunto coa presidenta e anunciou no Parador, acompañado polo alcalde, Carlos Gómez, un investimento de nove millóns de euros para a vila. Sete millóns destínanse a poñer en valor os dous quilómetros da muralla e a instalar iluminación exterior para todo o conxunto patrimonial. Outros dos millóns diríxense a plans de sustentabilidade. “É un día moi especial”, expresou Valdés, quen detallou que dos 81,4 millóns que a secretaría de Estado destina a bens da rede de Paradores, 23,5 millóns destínanse a Galicia, a comunidade do estado que máis recibe, e o investimento en Baiona supón o 25% deses fondos. “Significa un compromiso co patrimonio e tamén coa cidadanía”, anotou.

Respecto aos plans de sustentabilidade, ofrecen unha nova forma de facer turismo, con mobilidade sostible e incorporando as TIC. “É o turismo do futuro”, proclamou o secretario de Estado. As obras, adiantou, executaranse entre 2023 e 2o25. A presidenta Carmela Silva destacou o “modelo de transformación” que supón o investimento turístico promovido polo Goberno na provincia e o alcalde, Carlos Gómez, resaltou pola súa banda que “trátase dunha cifra récord para Baiona, un investimento impensable hai pouco tempo, que garante o futuro da vila”.

Posteriormente o secretario de Estado e a presidenta trasladáronse a O Grove, onde, nunha xuntanza da Mancomunidade do Salnés, Valdés anunciou máis de oito millóns de investimentos na comarca a través dos fondos Next Generation. Destinaranse á recuperación de patrimonio, comercio, promoción, dixitalización e apoio ao sector turístico.