O pavillón de Meis converteráse nun equipamento deportivo "do século XXI"

Carmela Silva: “Esta é unha obra ben deseñada que vai converter o edificio nun espazo totalmente diferente e sostible, que poderá desfrutar a veciñanza con todas as garantías de benestar”
(_LO_1167.JPG)  Salnes Visita de Carmela SIlva as obras de rehabilitacion do Pabellon Deportivo de Meis10921
photo_camera A presidenta e a alcaldesa visitaron esta mañá as instalacións deportivas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O pavillón municipal de Meis converterase nun espazo público de calidade para a práctica deportiva, en definitiva, un equipamento “do século XXI” co proxecto de rehabilitación que está a desenvolver o Concello e que conta co apoio do Plan ReacPon da Deputación, amais de fondos europeos. A mellora da eficiencia enerxética e as condicións de salubridade son os eixos desta actuación, presupostada en medio millón de euros, que hoxe visitaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e a alcaldesa Marta Giráldez e que permitirá á veciñanza “contar cun espazo sostible que poderá usar con todas as garantías de benestar”.

Esta rehabilitación do pavillón do Mosteiro, un edificio que data dos anos 80, permitirá terminar coas continuas filtracións de auga ao substituír a cuberta, e dotará ao inmoble dun correcto illamento e climatización para garantir o seu uso pola veciñanza. Inicialmente, as obras contaban cunha achega de case 432.000 euros da Deputación a través do ReacPon, mentres que ao Concello correspondíalle aportar 76.000, pero o proxecto acaba de recibir unha subvención de fondos europeos do PIREP, por importe de 388.ooo euros, que vai permitir reducir a aportación de ambas administracións.

Para Carmela Silva, esta achega europea vén recoñecer o “ben deseñado” que está este proxecto, “porque os fondos Next Generation son moi esixentes á hora de valorar que rehabilitacións de equipamentos e dotacións sexan sostibles e permitan o aforro enerxético”. A presidenta provincial destacou neste senso que as obras permitirán converter o pavillón nun “espazo totalmente diferente, sobre todo un espazo sostible, porque xa non é posible seguir mantendo equipamentos que non cumpran garantías de benestar para as persoas que o van usar”. “Cando estea rematada a obra –engadiu- a veciñanza poderá desfrutar dun espazo deportivo axeitado e adecuado onde van estar moi cómodas e cómodos”. Subliñou que a substitución da cuberta permitirá acadar o illamento térmico e tamén facilitará a entrada de luz natural, “tan importante para o aforro enerxético”. “E na zona de vestiarios, ximnasio e zona polideportiva vaise garantir unha calefacción sostible”. 

A presidenta tamén tivo palabras para “o compromiso” das empresas redactora e construtora “nuns tempos moi difíciles e complicados pola inflación e as dificultades cos materiais, tanto para quen deseña as obras como para quen as executa”. 

Pola súa banda, a alcaldesa Marta Giráldez agradeceu “a aposta polo rural” da institución provincial e destacou que “nunca se acadaran nun mandato tantos fondos de distintos organismos, fundamentalmente da Deputación e Europa”. Apuntou que a achega europea para o pavillón permitirá ao Concello aforrar case 70.000 euros, “que destinaremos a outras obras en beneficio da veciñanza”. Respecto do inmoble, lembrou que ata agora en días de temporal non se podía utilizar porque chovía literalmente dentro e a auga chegaba aos xeonllos e levantábase o chan de madeira”, situación á que porá fin a actuación que se está a executar. “Amais, aumentarase o aforro enerxético, porque o consumo era tremendo, e vaise converter nun espazo cun ambiente máis cálido e sostible –sinalou-. Antes, facía moito frío e moitos días as persoas maiores non podían vir a facer ximnasia”. A maiores, tamén haberá unha “mellora estética” do exterior do edificio coa substitución das chapas da cuberta, que teñen unha cor máis cálida e o pintado do zócalo.  

En días de temporal non se podía utilizar porque chovía literalmente dentro

A alcaldesa destacou os investimentos da Deputación no municipio, como o vindeiro inicio das obras da subida a Arcos e a futura actuación de habilitación de sendas peonís que se desenvolverá entre Paradela e o lugar de Lantañón. “Imos darlle a través dun convenio saída a un problema histórico que é a unión destes lugares, despois de que no seu día a Deputación cando executara a estrada a Caldas deixara un tramo importante illado e sen beirarrúas –explicou-. Agora realizaremos unhas sendas saudables para que a veciñanza poida ir camiñando”. 

A actuación

Coa actuación que se está a desenvolver e que se prevé que estea rematada no mes de marzo, Meis contará por fin cun espazo de calidade para o desenvolvemento de actividades deportivas, pero tamén para actos e actividades sociais ou doutra índole, coa habilitación dunha sala polivalente. As obras inclúen a renovación da cuberta e a envolvente térmica para conseguir o illamento, incluíndo lucernarios que axudarán na climatización e o aforro enerxético. 

Apostarase polas renovables e pola eficiencia enerxética, cun sistema máis eficiente na produción de auga quente sanitaria a con seis paneis solares. A climatización será por enerxía aerotérmica. Tamén se dotará de salubridade ao recinto, para unha correcta ventilación, equipamento hixiénico de auga apta para consumo de forma sostible, produción de auga quente dotada con sistemas de acumulación e novo sistema de extracción de augas residuais. Amais, o edificio limitará o risco de exposición ao radón e contará con elementos de protección fronte ao ruído aéreo, ao ruído de impactos e das vibracións das instalacións propias do equipamento.

Comentarios