Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre actúan este domingo en Meis

O concerto de música tradicional terá lugar ás 22.00 horas no Campo da Feira da vila  ao abeiro do programa da Deputación Musigal
Mans alzadas de persoas desfrutande de música en directo
photo_camera Mans alzadas de persoas desfrutande de música en directo. DS

Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre soarán este domingo, 9 de xullo, no concello de Meis ao abeiro do programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua. A actuación comezará a partir das 22.00 horas no Campo da Feira da vila.

O espectáculo que Xabier Díaz, un dos nomes propios da música tradicional galega, presenta en compañía das Adufeiras de Salitre céntrase no seu terceiro álbum conxunto, As Catedrais Silenciadas que culmina un proceso que comezou no ano 2015 no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas. As composicións de Díaz, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural, e dándolles o seu toque particular.

O citado traballo actualiza diferentes tipos de formas musicais, como pasodobres, xotas, alalás, ribeiranas ou muiñeiras, e foi galardoado co Premio Martín Codax na categoría de Música Tradicional no 2020. Ademais, figurou tres meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe e tivo entrada na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines, na que os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo. Tamén a Transglobal World Music Charts, unha das listas máis prestixiosas, incluíu As Catedrais Silenciadas no seu ránking de mellores discos 2020-2021: no número 28 do mundo e no número un da Península Ibérica.