Deputación e Armenteira avanzan na elaboración de produtos cosméticos coa camelia

O deputado Jorge Cubela asistiu á reunión da comisión de seguimento do proxecto entre a institución e a comunidade do Mosteiro, que estuda a rendibilidade de futuras plantacións para estimular a súa explotación comercial na provincia
Jorge Cubela durante a súa visita ao Mosteiro da Armenteira en Meis. DS
photo_camera Jorge Cubela durante a súa visita ao Mosteiro da Armenteira en Meis. DS

O deputado delegado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, asistiu na mañá deste martes no Mosteiro da Armenteira, en Meis, á reunión da comisión de seguimento do proxecto de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a comunidade do mosteiro para o estudo de novos produtos de cosmética elaborados con aceite extraído de sementes de camelias cultivadas na provincia. O encontro mantido este martes serviu para estudar a evolución deste proxecto, con vixencia ata 2025, durante esta anualidade.

O obxectivo desta iniciativa é determinar a rendibilidade das plantacións de camelia e das súas sementes en Galicia, así como a calidade do seu aceite extraído por prensado en frío para o seu uso cosmético, concretamente para a elaboración de produtos naturais como xabóns, aceite puro cosmético, bálsamos labiais ou cremas corporais. A Deputación, con coñecemento na materia a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, pretende mediante este proxecto con Armenteira concretar a produción de sementes por planta e o tempo que cada unha tardaría en chegar á súa máxima produción. Con isto, poderase esclarecer a rendibilidade de cara a futuras plantacións e, polo tanto, estimular a súa explotación comercial na provincia de Pontevedra.

O traballo conxunto da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e a comunidade do Mosterio da Armenteira está a abrir novas posibilidades de aproveitamento do medio rural da provincia. A comunidade está rexistrada en Actividades Económicas, concretamente no epígrafe de fabricación de xabón e produtos de perfumaría, recoñecendo a calidade do aceite de camelia cultivada na provincia de Pontevedra e os seus beneficios para o coidado da pel.