A IX edición do AF7 Indoor achega a Ribadumia o primeiro evento deportivo do ano

O 7 e o 8 de xaneiro terá lugar, no Pavillón de Ribadumia, este evento que congregará a 41 equipos de fútbol de toda Galicia ▶ As entradas están a 5€ para o día completo, mentres que os menores de 14 anos teñen acceso gratuíto

AF7 indoor 2023. AF7
photo_camera O torneo congregará a varios dos mellores equipos de Galicia. AF7

Comeza o ano 2023 e, con el, ponse en marcha o calendario de eventos do municipio de Ribadumia. Durante esta fin de semana, no Pavillón de A Senra, terá lugar ao primeiro evento deportivo do ano coa IX edición do Torneo Indoor AF7, organizado pola A.D. Arousa Fútbol 7 e o Concello de Ribadumia. 

Este evento concentrará os días 7 e 8 de xaneiro a 41 equipos de toda Galicia, o que supón máis de 600 participantes. Haberá tres categorías: biberóns e benxamíns, que xogarán o sábado 7 de xaneiro; e prebenxamíns, que participarán o domingo 8. A inscrición no torneo foi gratuíta para todos os clubs, mentres que a entrada para o público será de 5€ por día completo, sendo gratuíta para todos os menores de 14 anos.

O CD Ribadumia será un dos equipos que xogará esta fin de semana no Pavillón de Ribadumia, xunto con outros nomes como o Celta de Vigo, o Arosa SC, o AF7, o Vilagarcía SD, o Pontevedra CF, o RC Deportivo da Coruña, e moitos máis.

Durante estes dous días de competición, 1.500 asistentes visitarán as instalacións deportivas do concello, onde se acondicionaron dúas pistas de xogo que ofrecerán dous partidos simultáneos, especificamente adaptadas a esta modalidade de xogo y á idade dos participantes. Neste torneo seremos testemuñas da ilusión e alegría que brindan sempre todos os participantes, nenos e nenas que comezan a practicar este deporte.

O IX Torneo Indoor AF7 servirá de precedente para o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7, que se celebrará con dúas fases previas: a primeira, o 6 e 7 de abril e; a segunda, o 8 e 9 de abril. A Fase final, celebrarase na última fin de semana de maio.